O mes de febreiro será moi especial no colexio plurilingue Calasancio de Pontevedra. O can Cooper e o proxecto educativo 'Más que animal' fomentarán entre os escolares do centro o respecto e o coidado das mascotas.
A alma do proxecto é Cooper, o pastor belga malinois de Nuria Souto, membro do equipo directivo, coordinadora de Pastoral e profesora de primaria no centro.
Inspirándose na súa mascota, e na aprendizaxe e traballo que realizou durante o catro anos que Cooper leva con ela, esta docente deseñou unha iniciativa que chegará ás aulas ao longo de todo o mes.
Cooper ensinoulle a Nuria o amor por estes seres de catro patas e tamén lle demostrou "a necesidade de que as novas xeracións deben tomar consciencia da importancia do respecto polos animais".
O propio Cooper visitou xa todas as aulas do centro para presentar o proxecto, "conseguindo captar a atención de alumnos e profesores que estan desexando que isto comece".

Nuria Souto explica que este proxecto nace co obxectivo de "sensibilizar ás novas xeracións" sobre a importancia da tenza responsable de animais e o rexeitamento ao abandono, fomentando ese respecto e coidado cara a eles.
'Más que animal' inclúe charlas prácticas e teóricas da man da asociación de rescate animal Ohana. Con etas actividades traballarán temas clave como a prevención do abandono animal, a tenza responsable e o benestar dos animais.
O proxecto inclúe a visita de Diverticans e Dcan, dous clubs deportivos caninos, que "ensinarán o alumnado todo o que se pode facer gozando co teu peludo".
Agility, obediencia deportiva ou detección de persoas son algunhas das cuestións que abordarán coa visita destes clubs deportivos.
Como colofón ao proxecto, fomentarán unha recollida de alimentos e produtos de necesidade destinados á protectora colaboradora Ohana, "fomentando así a solidariedade e o compromiso da nosa comunidade educativa cos animais necesitados".