O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis presentou a súa memoria anual relativa a 2024, que reflicte unha intensa actividade, destacando especialmente os operativos preventivos e a atención a accidentes de tráfico.
Os Operativos da Agrupación de Voluntuarios de Protección Civil (AVPC) foron a categoría máis numerosa, cun 35,16% do total das intervencións, incluíndo tanto labores preventivos en eventos como operativos sociosanitarios.
Destaca a participación excepcional dun equipo conxunto de voluntarios de Cuntis, Portas e Moraña nas tarefas de recuperación en Valencia tras a DANA.
Os accidentes en estrada representaron o 30,11% das actuacións, con puntos especialmente conflitivos na estrada N640, nas curvas de Castroloureiro, e na EP8401.
Decembro rexistrou un ascenso preocupante con 25 intervencións, case dobrando a media mensual de todo o 2024.
A actividade en xeral concentrouse especialmente nos primeiros meses do ano, con 60 actuacións en xaneiro e 58 en febreiro.
Tras un descenso entre maio e xullo, produciuse unha recuperación en agosto e unha notable repunta en decembro, con 41 intervencións.
A memoria sinala que, malia o despregamento da rede TETRA en Galicia, Cuntis segue a ter unha cobertura deficiente.
Para solucionar este problema, o servizo emprega equipos de radiocomunicación VHF cun repetidor no Monte Xesteiras, que garante a cobertura en todo o municipio.
O servizo actúa como primeira resposta a emerxencias nos límites municipais, dada a distancia cos servizos máis próximos: o GES da Estrada, que se sitúa a 11 kilómetros e 20 minutos de percorrido e o Parque de Bombeiros do Salnés en Vilagarcía, situado a 23 km e 25 minutos.