O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá entre o venres 8 e sábado 9 de novembro o LXXIV Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia, que reunirá máis de 160 especialistas da comunidade.
Organizado por profesionais do servizo de Pediatría da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, inclúe cinco obradoiros de formación, a presentación de traballos de investigación e dous simposiums e mesas redondas.
Na edición deste 2024 está previsto abordar temas que suscitan inquietudes, tales coma a patoloxía autoinmune e os novos retos en patoloxía infecciosa prevalente.
No marco deste congreso, desde as 9:30 horas e ata as 11:30 horas do venres realizarase na pista central do Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra a II Xornada de Formación en Reanimación Cardio Pulmonar Básica para alumnado de 2º da ESO.
O xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e presidente do Comité Organizador do Congreso, o doutor Jose Antonio Couceiro Gianzo, lembra que a maioría dos paros cardíacos fóra dun hospital ocorren no fogar, polo que resulta importante que todos os membros da familia comprendan qué facer se alguén sofre un paro cardíaco.
As taxas de supervivencia oscilan entre o 2% e o 20% a nivel mundial e son particularmente baixas sen o recoñecemento e a acción inmediatos dunha testemuña.
O doutor Couceiro tamén sinala que os nenos en idade escolar amosan estar "moi motivados" para aprender habilidades que salvan vidas e, a miúdo, multiplican a súa capacitación ao transmitir o que aprenderon a outros nenos.
Entre as 10.00 e as 11.00 horas dese mesmo vernres, no salón de actos do Pazo da Cultura, a doutora María Amélia Días Sequeira, coordinadora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, presentará o programa Alerta Escolar.