Este sábado 26 de xuño, por primeira vez en moito tempo, o uso da máscara deixou de ser obrigatorio ao aire libre, sempre que se poida garantir a distancia de seguridade con outros cidadáns.
Esta situación, en plena xornada estival nas Rías Baixas, deixou imaxes que xa case non se lembraban, aínda que unha grande maioría optou polo momento pola cautela apostando por seguir levando o maior tempo posible esta peza de protección.
Así foi polo menos en zonas urbanas, sendo máis sinxelo atopar persoas coa súa cara descuberta en zonas verdes o nas inmediacións das praias.
En todo caso, tal e como lembran as autoridades, a máscara segue sendo necesaria en moitos casos. Por unha banda en interiores, e tamén en exteriores cando se produzan aglomeracións ou en lugares como as terrazas de hostalería, ao entender que nelas é imposible manter as distancias.
O seu uso seguirá sendo obrigatorio ademais nos concellos que rexistren un nivel máximo de restricións, ou o que é o mesmo, que conten cunha incidencia a 14 días superior aos 500 casos por cada 100.000 habitantes, un extremo que por agora non se rexistra na comarca.