O nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes saíu reforzado dos seus catro anos como alcalde. Este domingo as urnas déronlle a maioría absoluta con seis dos 11 concelleiros en disputa e case a metade dos votos, de forma que xa non necesitará o apoio do seu ata agora socio de goberno, o PSOE.
O BNG de Abraldes logrou o 49,43% dos votos, máis de 16 puntos por encima do PP do histórico alcalde do municipio, José Antonio Landín, que chegou a este 26 de maio coa intención de recuperar a Alcaldía e quedouse con catro dos 11 deputados e o 33,15% dos votos.
O crecemento do BNG, que pasou de 4 a 6 concelleiros, chega á conta do decenso dos outros dous partidos que ata agora estaban na Corporación, pois suma un á conta do PP, que pasa de 5 a 4, e outro rabuñado ao PSOE, que baixa de dúas a un os seus representantes.
Catro candidaturas competían nas eleccións municipais en Barro e tres lograron representación, quedando fóra da próxima Corporación o partido independente Plan B, unha agrupación de electores liderada polo arquitecto Marcos Pérez.
O envorco electoral xa chegara a Barro fai catro anos, cando o bipartito BNG-PSOE desbancou ao PP dun dos seus concellos eternos.
Mentres que os catro anos de goberno reforzaron a Abraldes, pasáronlle factura a quen ata agora era o seu tenente de alcalde, José Sanmartín, que encabezaba a candidatura socialista e quedou no 15,98% dos votos. Catro anos atrás, lograran case sete puntos máis, o 22,37% das papeletas.