'Maio, mes da lingua' chega máis reivindicativo ca nunca con 60 actividades de 30 entidades

Pontevedra
05 de maio 2015

Demetrio Gómez xustifica que o programa vai cos tempos que se están a vivir na actualidade e que precisan que o galego "non sexa só unha lingua máis que temos aquí, senón que estamos nunha situación na que compre reivindicala". O concelleiro reclama que "a política linguística ten que adaptarse aos tempos e agora temos que berrar forte que temos unha lingua propia e queremos usala"

O concelleiro Demetrio Gómez, no Concello
O concelleiro Demetrio Gómez, no Concello / Cristina Saiz
Demetrio Gómez: "Temos que berrar forte que temos unha lingua propia e queremos usala" /

'Maio, mes da lingua', o programa organizado cada ano polo Concello de Pontevedra para reivindicar o galego coincidindo co mes no que se festexa o Día das Letras Galegas, chega este 2015 máis reivindicativo ca nunca. Chega loitador xa dende o propio lema elixido, o texto do poeta Manuel María 'o idioma é a chave coa que abrimos o mundo', e segue pola presentación que fixo do mesmo o responsable municipal de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez. O concelleiro reclama que "a política linguística ten que adaptarse aos tempos e agora temos que berrar forte que temos unha lingua propia e queremos usala".

Xustifica Demetrio Gómez que o programa vai cos tempos que se están a vivir na actualidade e que precisan que o galego "non sexa só unha lingua máis que temos aquí,senón que estamos nunha situación na que compre reivindicala". Para facelo, contan coa colaboración de 30 entidades e institucións que se implicaron no programa e con 59 actividades entre o 1 de maio pasado e o vindeiro 5 de xuño. 

'Maio, mes da lingua' non se entendería sen a colaboración de todas as entidades que o fan posible, e nas que este ano se estrea o asociación Duos Pontes, de modo que o colofón final á programación darao o alcalde de Pontevedra cunha recepción a todas as asociacións implicadas ás 20.00 horas na Casa das Campás. 

Na programación ten un peso importante o historiador e escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015. Para achegarse á súa obra e a súa figura, os días 14 e 15 de maio organizaranse os obradoiros Agromar nos colexios Álvarez Limeses e Vidal Portela; o día 19 haberá no instituto Torrente Ballester a charla teatralizada 'Escoitando a Filgueira Valverde' e o 1 de xuño proxectarase na Casa das Campás o documental 'Contextualizando a Filgueira Valverde', que ata ese momento non se terá visionado na súa visión completa.

A cita central da programación será, como é habitual, o 17 de maio, cun acto popular en homenaxe ao polígrafo homenaxeado na praza de Curros Enríquez a partir das 20.00 horas e co Concerto das Letras que dará a Banda de Música de Salcedo con María do Ceo ás 20.30 horas no Teatro Principal. 

A edición 2015 prestará especial atención á "formación de formadores", isto é, segundo explicou Demetrio Gómez, a dar recursos divulgativos aos docentes para poder ensinar en galego. "Os recursos existen, o que hai que facer é dalos a coñecer", mantén o concelleiro e para facelo o 30 de maio organizarase o obradoiro Alí no Pazo da Cultura e os días 5, 19 e 26 haberá actividades formativas nos colexios de Salcedo e Lérez e na Casa das Campás, para os que se recomenda a inscripción previa. 

Arquivado en