Esté sábado 9 de novembro, a Praza da Pedreira será escenario dun magosto popular organizado por seis colectivos do municipio.
A festa, que dará comezo ás 18:00 horas, está organizada pola Asociación pola Defensa da Ría, A Pedreira, Boa Vida, Trépia, o Ateneo de Pontevedra e Pontevedra por Palestina.
Os colectivos instalarán mesas informativas e ofrecerán diverso material.
O programa inclúe xogos populares a cargo do grupo Sororas desde as 18:00 horas, seguido dun recital poético "por Palestina" ás 19:00 horas.
A partir das 20:00 horas, actuarán en directo os grupos Soliman e Morenos Peludos, ademais dunha foliada aberta á participación popular.
Os asistentes poderán degustar de balde as castañas tradicionais do magosto, ademais de chourizos, viño, cervexa e, como novidade este ano, falafel, unha especialidade gastronómica típica de Oriente Medio.
Os organizadores destacan a importancia de manter viva esta festa tradicional nun momento no que "soutos e carballeiras ceden terreo á presión dos cultivos de eucalipto".
Tamén subliñan o seu compromiso coa solidariedade internacional a través desta celebración que une a tradición galega coa causa palestina.
O evento, que conta co apoio do Concello de Pontevedra e a Deputación provincial, destinará a súa recadación a axudar o pobo palestino.