Magnolias en flor darán vistosidade e sombra a Rodríguez Seoane e Losada Diéguez

Pontevedra
03 de abril 2025

O Concello decide retirar os ficus das dúas rúas dado que son árbores que chegan a superar os 15 metros de altura e non son acaídas para espazos urbanos

Retirada de ficus na rúa Rodríguez Seoane
Retirada de ficus na rúa Rodríguez Seoane / Concello de Pontevedra

Os ficus das rúas Rodríguez Seoane e Losada Diéguez teñen os días contados e van ser substituídos por magnolias de flor.

Así o anunciou o Concello, que este xoves xa iniciou a retirada das primeiras árbores de Rodríguez Seoane. Logo continuarán por Losada Diéguez.

Nestas dúas rúas da cidade están plantados ficus, uns exemplares cun porte excesivamente grande que poden chegar a medir até 15 metros de altura.

Estas árbores están moi podadas na parte baixa para evitar que as pólas molestasen aos viandantes e ás vivendas e unha copa escasa tamén moi podada polos mesmos motivos, de maneira que non cumpría os obxectivos de sombra que se busca coas árbores urbanas.

Ademais, o sistema radicular destes ficus estaba a causar problemas nas beirarrúas e nas calzadas.

Por todos estes motivos, a concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, decidiu este cambio por ser as magnolias "unhas especies máis acaídas para os espazos urbanos, que darán vistosidade e luminosidade ás rúas", ademais de ofrecer zonas de sombra.

A substitución comezou por Rodríguez Seoane coa poda das ramas e continuará coa retirada de todo o exemplar, o destoconado do sistema radicular e a posterior plantación de magnolias de flor.

Son arredor de 15 magnolias de folla caduca, oito en Rodríguez Seoane e sete en Losada Diéguez.

Estas substitucións son a continuidade das realizadas a pasada primavera no barrio dos Salgueiriños e na rúa Rafael Dieste, tamén no barrio de Loureiro Crespo.