Magín Froiz e David Cal recollen lodo no Lérez para liberar un pantalán do Porto Deportivo

Pontevedra
21 de febreiro 2015

O empresario e o deportista sumáronse a un acto simbólico de recollida de lodo para denunciar a situación na que se atopa o fondo da ría de Pontevedra e que dificulta as prácticas deportivas debido á falta de dragado

Magín Froiz e David Cal recollen lodo no río Lérez
Magín Froiz e David Cal recollen lodo no río Lérez / PontevedraViva
Magín Froiz lembra como era o río Lérez hai anos /

Foi un acto simbólico pero significativo. O empresario Magín Alfredo Froiz e o padexeiro campión olímpico David Cal arremangáronse para recoller cestos de lameira da ría de Pontevedra no peirao número 3 do Club Náutico nunha zona onde a area supera a altura dos xeonllos.

Magín Froiz aseguraba que se sumaba a esta proposta do Club Náutico porque é pontevedrés e está sensibilizado con este tema xa que dende pequeno, na súa casa situada nas proximidades da ría, sempre sentía ganas de lanzarse ás augas transparentes do Lérez. Na actualidade, as augas ofrecen unha imaxe pouco apetecible e as lamas e areas, coa marea baixa, impiden a realización de prácticas deportivas en determinadas zonas afectando a dous dos peiraos do Club Náutico de Pontevedra.

Co acto realizado durante este sábado, o presidente do Club Náutico,Carlos Paz, afirma que queren premer a Portos de Galicia para que se acometa o dragado do río Lérez dende Tambo ata a ponte do Burgo. Unha demanda que levan solicitando dende 2005 sen éxito. Paz recorda que nesa zona se practicaba wáter-polo, natación, vela e motonáutica xa no ano 1935 e, non obstante, a lama provoca problemas de calado en todo este espazo. O presidente do Club Náutico entende que hai unha falta de intención política para levar a cabo estes traballos. Apunta que o lóxico sería que a administración asumise a limpeza e retirase os lodos cara a terra. Os recollidos durante este sábado trasladáronse a un terreo de Magín Froiz, segundo apuntou Paz.

RESPOSTA DE PORTOS DE GALICIA

Dende Portos de Galicia indícase que a tramitación ambiental do dragado da ría se iniciou en 2011 e estanse a cumprir os prazos establecidos na lexislación ambiental. Segundo sinala o ente público, a través dun comunicado, estanse a modificar os estudos de impacto ambiental e de dinámica litoral para incluír os efectos da apertura de varios ocos no dique da ría, tal e como solicitaron as confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó.

Segundo apuntan dende Portos de Galicia, o problema do atraso en acometer a limpeza derívase da complexidade administrativa xa que o proxecto obriga a contar con informes dunha ducia de departamentos diferentes da Xunta e do Goberno central.