Magín Froiz distinguido a título póstumo como fillo adoptivo de Poio

Poio
20 de decembro 2022

A corporación municipal aprobou por unanimidade a proposta, que tamén inclúe a entrega da distinción á familia do empresario, finado en marzo deste ano, e a instalación dun monólito de pedra na rotonda da avenida da Praia de Lourido na súa memoria

A Corporación municipal aproba por unanimidade nomear a título póstumo a Magín Froiz (1943-2022) como Fillo Adoptivo de Poio
A Corporación municipal aproba por unanimidade nomear a título póstumo a Magín Froiz (1943-2022) como Fillo Adoptivo de Poio / Concello de Poio

A corporación municipal acordou este martes, de xeito unánime, nomear a título póstumo a Magín Froiz (1943-2022) como Fillo Adoptivo de Poio. 

Con esta distinción, o Concello busca "recoñecer e honrar a memoria dun dos grandes embaixadores do municipio, a cuxa profesionalidade e afán de superación no ámbito laboral hai que sumar o seu espírito solidario, colaborativo e altruísta". Unha implicación que facilitou o desenvolvemento de máis de 1.900 accións na vila no ámbito do deporte, a cultura, o lecer e a solidariedade.

A proposta inclúe, ademais deste nomeamento, a entrega da distinción á familia do fundador do Grupo Froiz e a instalación dun monólito de pedra na rotonda da Avenida da Praia, en Lourido, "un lugar polo que Magín adoitaba a pasear con frecuencia e no que desenvolveu a súa actividade profesional e deportiva", tal e como lembrou durante o debate plenario o alcalde, Luciano Sobral.

Haberá un acto aberto ao público para a inauguración da figura.

Tanto o alcalde Sobral como os portavoces de todo os grupos da corporación local destacaron a estreita relación de Magín Froiz con Poio, onde residiu durante gran parte da súa vida.

Ademais, o feito de manter a sede principal do Grupo Froiz en Lourido tamén o consolidou como "un dos máis grandes xeradores de emprego para a nosa veciñanza e a contorna, con máis de 5.000 postos de traballo creados". 

Outro fito a destacar foi "a defensa e promoción que fixo do produto galego", así como o seu interese en axudar ás familias con menos recursos, a través de doazóns realizadas no departamento de Servizos Sociais, sen esquecer o seu apoio constante ao deporte local.

Co seu nomeamento, Magín Froiz súmase a outras personalidades que no seu día tamén se converteron en fillos adoptivos de Poio, entre as que se atopan Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (1987) e gañador do Premio Nobel da Paz en 1980), Alexandre Bóveda (2004) e Benito Montero (2011).