A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que este venres a Xunta de Goberno adxudicou tres parcelas do polígono de Barro á empresa Mafari Café, por un prezo de 1,6 millóns de euros.
Segundo explicou Carmela Silva, a firma "vai instalar unha nave destinada a oficinas e a centralizar toda a loxística e almacenaxe" para desenvolver a súa actividade empresarial.
O grupo pontevedrés Mafari acumula 45 anos de traxectoria e actualmente está especializada en equipar os establecementos hostaleiros coa maquinaria do sector do café e hostalería, aínda que os seus primeiros pasos déronse no sector das máquinas recreativas, pero pronto se adaptaron ás necesidades do mercado e ampliaron os seus servizos.
Carmela Silva valorou esta adquisición de parcelas como unha "boa nova" e adiantou que Mafari construirá no polígono de Barro unha gran nave industrial "van ampliar todo o que ten que ver coa súa empresa e iso xerará máis e mellor actividade económica e tamén emprego".
Neste inicio do 2020 a Deputación xa vendeu catro parcelas deste polígono, as tres de Mafari e outra de Panaderías Acuña.