A concellería de Turismo de Poio realiza un balance moi positivo da presenza de visitantes durante este verán no municipio. As oficinas de turismo rexistraron un total de 18.403 visitas, un incremento do 10,80% con relación ao 2016. Un 90,78% dos visitantes procedían do Estado, fronte ao 9,22% que chegaban procedentes doutros países.
Os madrileños convertéronse nos visitantes máis habituais cunha porcentaxe do 18,95%, seguidos polos andaluces (12,84%) e polos visitantes de Castela e León e País Vasco.
Os turistas estranxeiros que máis visitaron Poio durante este verán foron os portugueses (32,27%), seguidos por franceses, alemáns e británicos.
Os principais motivos que lles levaron a visitar Poio son de tipo cultural (80,72%), destacando principalmente a importancia de Combarro e o Mosteiro de Poio. As outras causas son a natureza e a gastronomía.
Ao redor de 500 peregrinos elixiron tamén percorrer a etapa da Variante Espiritual do Camiño de Santiago que pasa por Poio. A ocupación media hostaleira alcanzou o 80,50% en xullo e o 96% en agosto.
O goberno local de Poio tamén realiza unha lectura moi positiva dos acontecementos festivos. A Festa do Mar de Combarro rexistrou a máis de 37.100 persoas na carpa de degustación gastronómica. E segundo datos da Policía local de Poio, durante eses días de actividade, en Combarro contabilizáronse a 114.000 persoas. A Festa dá Ameixa de Campelo contou con máis de 11.000 visitantes.