O Porto de Marín segue rexistrando unha evolución moi positiva no tráfico mensual de mercadorías durante 2024.
Experimentou un crecemento do 15,47% entre os meses de xaneiro e setembro conrespecto ao mesmo período do ano anterior.
Segundo informa a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, acadouse un movemento próximo xa aos dous millóns de toneladas.
Estes datos, aínda provisionais, indican que por grupos de mercadoría, as descargas de graneis sólidos seguen sendo o principal motor de crecemento superando xa o millón de toneladas no primeiros nove meses do ano.
É unha subida acumulada do 22,31%, especialmente grazas ás descargas de grandes volumes de madeira, cereais, fariñas e pensos.
A mercadoría xeral convencional, que é aquela transportada en pezas separadas sen o uso dun colector, rexistra tamén unha subida significativa próxima ao 18%, acumulando xa preto de medio millón de toneladas, levantada principalmente por tráficos como a madeira ou a pasta de papel.
En canto á mercadoría en colector, acumulan importantes incrementos as conservas e outros produtos alimentarios, a pesca conxelada ou as madeiras e cortizas.
O número de buques que chegou a porto tamén se incrementou un 3,42%, do mesmo xeito que o seu GT que é unha medida de capacidade do barco que cuantifica o volume de todos os espazos interiores do buque, incluso camarotes ou aloxamentos.