O ancestral Entroido de Cobres xa está en marcha. O próximo 22 de febreiro terá xa a súa primeira xornada intensa co seu percorrido polas parroquias.
Así o explicou o alcalde, César Poza, na presentación do cartel desta festa, que tivo lugar en Riomaior coa asistencia da concelleira de dinamización económica, Carmen Gallego, e directivos da Asociación Cultural de Cobres.
O Entroido de Cobres encara 2025 co obxectivo de finalizar a tramitación da súa catalogación como festa de interese turístico nacional, o que convertiría este entroido no único da provincia de Pontevedra con esta distinción.
Madamas e galáns, como non podía ser doutro xeito, acudiron tamén á posta en escena do inicio dun mes cargado de actividades programadas para darlle o "valor patrimonial e cultural que merece unha festa cos seus orixes no século XVII", segundo apuntou o alcalde.
"Queremos situar ao Entroido de Cobres no lugar que lle corresponde", engadiu Poza.

O cartel do Entroido, coas cores que definen a imaxe de marca desta festa, recolle os dous códigos QR que facilitarán o seguimento das actividades en tempo real.
Un deles permite o acceso directo á web municipal entroidodecobres.com e o outro fai que calquera que queira vivir a festa saiba en tempo real onde estarán danzando as damas e galáns.
Martín Duarte, presidente da Asociación Cultural de Cobres, animou a participar no percorrido que as madamas e os galáns farán o 22 de febreiro, achegando as súas danzas nunha xornada intensiva a Figueirido, Bértola e Pontemirón pola mañá e ás Salinas e a Carretera Vella pola tarde.
"Todo o que queira un pedaciño de nós por adiantado pode telo ese día", explicou Duarte. Así, setenta persoas bailando xunto a 25 músicos ofrecerán á veciñanza o resultado dun ano de intensos ensaios e posta a punto dos traxes para manter viva unha tradición ancestral.
Como principal novidade na programación deste ano, Martín Duarte destaca a incorporación dunha terceira actuación de Madamas e Galáns na carpa de Riomaior na tarde do martes 4 de marzo, xornada forte do Entroido para que "ninguén se vaia sen vernos actuar".

Esta xornada grande dos festexos comezará pola mañá cun percorrido polos barrios e sesión vermú na carpa e pola tarde a Corrida do Galo e os xogos no río, nunha festa presentada polo televisivo Isi e na que repite como predicadora Leti da Taberna.
Quen queira vivir o Entroido, apuntou Martín Duarte, "ten que participar no percorrido que facemos do 1 ao 4 de marzo", días nos que os danzantes, con idades comprendidas entre os 5 e os 35 anos, adican o día enteiro a percorrer a pé os distintos lugares de Vilaboa.