Madamas e Galáns, unha tradición que pasa de xeración en xeración

Vilaboa
25 de febreiro 2020

As novas xeracións da contorna de Cobres levan o testemuño dos seus avós participando cada ano como madamas e galáns no coñecido Entroido da parroquia. Antigamente, para que unha muller puidera ser madama un galán tiña que pedirllo aos seus pais

Celebración do Entroido de Cobres / Carlos Xerardo Casais

O Entroido de Cobres remóntase a principios do século XVIII, e é posible que proceda dalgún costume gremial. O que si sabemos é que desde entón, madamas e galáns saen a bailar polas parroquias de Cobres para amenizar as festas.

Durante os días que se celebra o entroido, de sábado a martes, desde as dez da mañá ata que se pon o sol, as madamas e galáns percorren distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e San Adrián de Cobres, acompañados pola música da banda de gaiteiros. Os bailes, tradicionais galegos, como a muñeira e outros como o agarrado ou a xota, enchen de música e alegría os diferentes paraxes da parroquia. Ademais, as vivas cores dos traxes, fan que os fríos días de inverno se volvan máis coloridos e divertidos.

Antigamente, para ser madama, un dos galáns tiña que acudir á casa onde vivía a muller en cuestión e pedirlle aos seus pais se podía ser a súa parella. Contan os veciños de Cobres que algúns pais facían volver varias veces aos galáns á casa ata que, por fin, lle daban o seu permiso para ser a parella da súa filla.

Actualmente, esta celebración é posible grazas ao labor da Asociación Cultural Cobres que durante o ano, preparan as vestimentas e bailes das madamas e galáns. 

Aínda que aos poucos, esta tradición está a perderse, quedan mozos que se atreven a continuar co legado dos seus pais ou avós. Agora mesmo, as parellas de madamas e galáns son dez aproximadamente. Moisés, un mozo de 25 anos e residente de San Adrián de Cobres, tívoo moi claro: leva catorce anos sendo galán, e explica que na súa familia sempre houbo unha gran afección polo Entroido. "O meu irmán e as miñas primas participaban como madamas e galáns, e iso fixo que eu tamén quixera formar parte. Agora mesmo é unha cita a que non podo faltar", segundo di Moisés.

Os catro días de celebración do Entroido son, para as madamas e galáns, moi bulideiros. Comezan a bailar ás dez da mañá e rematan sobre as sete u oito da tarde. Con todo, Moisés di que compensa: "o bo ambiente que te rodeada e bailar cos amigos durante eses días fai que o final entables moi boa relación".

En canto o traxe, asegura que pesa un pouquiño, xa que está confeccionado de panos sobre un pantalón e unha camisa. O que máis pesa é o colorido gorro, sobre uns dous ou tres kilos. Nalgúns casos, pode chegar a catro kilos, dependendo dos adobíos que leve. Por último, asegura que o Entroido de Cobres é cada vez máis coñecido, pero aínda así, cada vez hai menos mozos que participan.

Por outra banda está Sara, unha moza pontevedresa de 24 anos que leva once anos sendo madama. O seu gorro confeccionouno a súa nai coa axuda dunha amiga, e cada ano faille novos arranxos. Está íntimamente relacionada ao entroido de Cobres, xa que os seu avós viven alí e, ademáis, o seu avó foi galán cando era novo.

Como os demais, ensaia na cultural de Cobres, onde tamén asiste a clases de gaita, factor determinante que fixo que comezara a ser madama. Asegura que o gorro pésalle moito, pero que é o bonito do atuendo. Como Moisés, está de acordo en que son uns días divertidos, rodeada de amigos cos que ten unha estreita relación, e explica que "é moi cansado estar bailando todo o día, pero merece a pena. Dan igual os pés destrozados e o cansancio, é unha tradición moi bonita e alegre e por iso bailo, para que non se perda".