O pleno de Bueu aprobaba este mércores a moción presentada polo BNG en defensa dos montes do Morrazo, reclamando un modelo de enerxía eólica sostible. A proposta mostraba unha oposición ao espolio e á depredación por parte das empresas eólicas. A moción foi apoiada tamén polos grupos de ACB e PSOE. Pola súa banda, o Partido Popular votaba en contra da iniciativa.
Xosé Leal, portavoz do BNG, defendeu a proposta explicando que nacera con motivo da "gran preocupación social" que existe na comarca do Morrazo debido á posibilidade de que se instale un parque eólico no territorio.
Citou á Plataforma Eólicos no Morrazo Non, que organizara nos últimos meses charlas divulgativas para informar sobre os problemas que conlevarían esas instalacións. Leal sinalou que o pleno debe marcar a posición para que a Xunta de Galicia matice e aclare as dúbidas que se presentan sobre este tema.
O concelleiro nacionalista afirmou que o goberno local non quere que as compañías eléctricas fagan espolio dos recursos e que " sempre o padezamos os mesmos".
Pola súa banda, Julio Villanueva, portavoz de ACB e vicealcalde, asegurou que a súa agrupación está a favor do eólicos pero "deste xeito non". Tamén José Manuel Vilas, do PSOE, expuxo que se posicionará a favor destes proxectos sempre que cumpran tdoos os requisitos que deben cumprir e non a calquera prezo.
Nunha posición diferente, Elena Estévez, representante do PP, engadía que actualmente, desde a dirección xeral da Consellería non constaba ningún proxecto presentado para a zona. Por este motivo, entende que non ten sentido votar en contra dun proxecto que non está presentado.
Propuxo a creación dunha mesa de traballo con representantes veciñais, integrantes da Plataforma Eólicos no Morrazo Non e das comunidades de montes, ademais de persoal técnico da Xunta, para analizar este tema. Estévez indicou que a moción era "precipitada" e que é preciso ver antes o proxecto.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, pechaba o debate sobre este tema explicando que estes proxectos tramítanse dunha forma "pouco transparente" e os concellos carecen de voz e voto na elaboración do plan estratéxico. Engadiu que unha actuación desta envergadura supoñería un cambio radical na comarca e por iso entendía que a moción era necesario votala neste momento.