Case tres anos despois de presentar o proxecto, a ampliación da pasarela de José Adrio cara a Doce de Novembro está máis preto de facerse realidade. O goberno municipal sacou a licitación esta actuación, que permitirá incorporar á cidade un novo espazo público.
A nova zona verde sobre a vía do tren que se creará entre a Rúa da Estrada e a Rúa das Hortas, unha área que actualmente ten o paso restrinxido, custará case 711.000 euros, que financiará a Deputación de Pontevedra a través dun convenio asinado co Concello.
A superficie de actuación será de 4.766 metros cadrados, segundo informou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que asegurou estar "encantado" polo impulso definitivo que se lle deu a este proxecto.
A obra estará dividida en tres zonas de intervención, da que a primeira, na zona máis próxima á calzada, terá chan de terra e converterase nunha zona verde. Levará unha liña de árbores para separar a calzada do espazo da pasarela.
Pola súa banda, a parte da cuberta do túnel, actualmente en formigón, pasará a ser unha zona de estar con diferente pavimento, como formigón branco e negro, na que se emprazará a maior parte do mobiliario urbano e que está pensada para paseo e xogo libre.
E, en terceiro lugar, a zona situada xunto as fachadas traseiras dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet manterase ao 100% en terra e será a principal área verde da contorna, con arboledo, xardín ou unha fonte.
Entre as árbores previstas para esta zona atópanse arces, cerdeiras, liquidámbares, cipreses ou unha jacaranda, segundo consta no proxecto.
O acondicionamento deste ámbito permitirá ademais acometer a conexión peonil con Santa Teresa de Jesús Jornet, que terá unha saída á nova pasarela e á Rúa das Hortas, cara aos novos edificios dos xulgados, mediante unha rampla.
O prazo de execución desta obra, unha vez estea adxudicada, será de nove meses.