Luz verde ao orzamento de Soutomaior para 2024, que estará por riba dos cinco millóns de euros

Soutomaior
22 de decembro 2023

Cunha contía algo por riba dos 5,2 millóns de euros, trátase dun orzamento no que se incrementan as partidas en case todas as áreas, agás na destinada aos gastos de goberno, a cal diminúe

Sesión na que o equipo de goberno de Soutomaior aprobaba os orzamentos para 2024
Sesión na que o equipo de goberno de Soutomaior aprobaba os orzamentos para 2024 / Concello de Soutomaior

A piques de pechar o ano, o Concello de Soutomaior vén de aprobar o orzamento para 2024

Fontes municipais indican que, por primeira vez na historia deste concello, vanse superar os cinco millóns de euros.

Cunha contía algo por riba dos 5,2 millóns de euros, trátase dun orzamento no que se incrementan as partidas en case todas as áreas de gasto. A única excepción é a destinada aos gastos de goberno, a cal diminúe.

A este respecto, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, manifestou que "no goberno de Soutomaior estamos concienciados en traballar para que o concello avance e beneficiar a vida da nosa veciñanza". Así mesmo, lamentou que "o grupo da oposición non quixo realizar nin unha sola achega a estas contas". 

O orzamento do 2024 recolle unha partida de fondos propios para investimentos de máis de 360.000 euros, o que supón unha suba do 25% en comparación ás contas de 2023, elaboradas polo anterior goberno municipal. 

Entre as achegas, destaca o aumento de 2.000 horas do Servizo de Atención ao Fogar (SAF); partidas específicas para o arranxo de prazas e espazos públicos, e a reparación de estradas e camiños; o incremento das axudas aos clubs deportivos; ou o aumento do convenio coa Banda de Música de Arcade, que pasa dos 20.000 aos 40.000 euros.