O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto lei que sentará as bases que rexerán na denominada 'nova normalidade', que recolle, entre outras cuestións, a obrigatoriedade das máscaras na vía pública, en espazos ao aire libre e en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público sempre que non se respecte a distancia interpersoal de polo menos metro e medio, así como nos transportes. Regula, así mesmo, as multas a quen a incumpra.
Así, o texto prevé que o incumprimento deste artigo será sancionado con multas de ata 100 euros e detalla que as comunidades autónomas e as entidades locais asumirán as funcións de vixilancia, inspección e control.
O real decreto de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 tamén atribúe competencias ás comunidades autónomas e establece que serán a autoridade para adoptar, suprimir, modular ou executar as medidas correspondentes á fase tres do plan de desescalada. Cabe lembrar que toda Galicia está xa nesta fase desde este luns, de modo que a Xunta terá agora as competencias.
As comunidades tamén poderán decidir, conforme criterios sanitarios e epidemiolóxicos, a superación da fase 3 nas diferentes provincias, illas ou unidades territoriais, pero esa delegación de competencias non se aplicará para as medidas vinculadas á liberdade de circulación que excedan o ámbito de cada comunidade, que seguirá dependendo do Goberno central.
O real decreto recolle a declaración expresa da COVID como enfermidade de declaración obrigatoria urxente e establece que os servizos de saúde deberán garantir que, en todos os niveis da asistencia, e de forma especial na atención primaria, realizaráselle a todo caso sospeitoso unha proba diagnóstica por PCR ou outra técnica de diagnóstico molecular, tan pronto como sexa posible desde o coñecemento dos síntomas.
As autonomías tamén deberán velar por garantir un número suficiente de profesionais involucrados na prevención e control da enfermidade, o seu diagnóstico temperán, a atención aos casos e a vixilancia epidemiolóxica, así como crear plans de continxencia para asegurar unha resposta rápida e coordinada.
En canto aos centros residenciais de persoas maiores ou con necesidades especiais, as administracións competentes deberán garantir a coordinación destes centros e dispoñer de plans de continxencia por COVID-19 orientados á identificación precoz de posibles casos entre residentes e traballadores, e os seus contactos.
Nesta 'nova normalidade' manterase a obrigación de levar máscara nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, se os ocupantes non conviven no mesmo domicilio.
Tamén se contempla a adopción de medidas de prevención e hixiene na contorna de traballo, tales como a ordenación dos postos de traballo ou a organización das quendas para evitar aglomeracións, así como nos establecementos comerciais, nos centros residenciais de carácter social ou nas actividades de hostalería e restauración.
O real decreto recolle tamén unha serie de previsións sobre os controis sanitarios e operativos en aeroportos xestionados por Aena, e en portos de interese xera e establece a obrigación de que os operadores de transporte terrestre, cuxos servizos con asentos preasignados discorran por máis dunha provincia, conserven a información de contacto dos pasaxeiros durante un mínimo de catro semanas para poder realizar a trazabilidade dos contactos no caso de que fose necesario.