A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron este mércores o convenio de colaboración para mellorar a mobilidade na contorna do mercado, cun investimento de 2,3 millóns de euros.
O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de Abastos mediante o soterramento do tráfico na rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.
Desde ese paso inferior para o tráfico da rúa de Madrid darase entrada ao aparcamento do novo edificio do mercado, dotado de 32 prazas.
Tamén se procederá á reurbanización da rúa de Madrid, desde a rúa Panadeira ata o seu encontro coa glorieta de intersección da propia rúa de Madrid coa rúa Progreso (estrada PO-308). Ademais crearase unha nova praza pública a nivel.
Telmo Martín detallou que estas intervencións constitúen unha 1ª fase dos traballos que o Concello vai desenvolver na contorna do Mercado, onde tamén se vai a construír un novo edificio que albergará o novo Mercado.
Para unha segunda fase se reserva "la parte de arriba" deste edificio onde irían a Biblioteca, unha sala de estudos, outra sala polivantente e na cuberta un gastrobar.
O alcalde espera obter financiamento do Goberno de España a través de fondos europeos
O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, financia as intervencións achegando 1 millón de euros e o Concello licitará e executará os traballos e achegará o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns.
O convenio ten vixencia ata o 31 de decembro de 2024, polo que as obras recollidas deberán estar finalizadas antes do final do próximo ano
Segundo explicou Ethel Vázquez, a intervención reducirá o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e primará a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.