Luz verde á vía de servizo do Gran Montecelo

Pontevedra
05 de agosto 2021

Unha Xunta de Goberno extraordinaria serviu para aprobar o convenio de colaboración entre Concello e Deputación para construír unha estrada de máis de 800 metros que rodeará o novo hospital pontevedrés e que terá un custo próximo ao millón e medio de euros

Trazado do novo vial para o Gran Montecelo
Trazado do novo vial para o Gran Montecelo / Concello de Pontevedra

A tramitación para a construción dunha vía de servizo que rodee o futuro complexo hospitalario de Montecelo xa está en marcha. Nunha Xunta de Goberno extraordinaria, o Concello aprobou o convenio coa Deputación para o financiamento dunha nova estrada de 830 metros de lonxitude e que supoñerá un investimento de 1,4 millóns de euros.

A construción deste novo vial ten a súa orixe no convenio subscrito no 2016 coa Xunta de Galicia para facer realidade o Gran Montecelo, no que o Concello asumiu o compromiso de dotar de todos os servizos necesarios á parcela na que se edificará o centro sanitario. O documento recolle que o Concello debe encargarse de dotar á parcela de accesos peonís e rodados, así como do abastecemento, saneamento, electricidade e demais servizos, explicou o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña.

Antes de sacar a licitación o proxecto, debe producirse a firma do convenio entre o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. A intención do goberno local é cumprir este trámite canto antes para iniciar o procedemento administrativo e poder adxudicar e comezar as obras antes de que conclúa o 2021.

O novo vial terá orixe e final na Avenida de Montecelo. O proxecto contempla unha estrada dun só carril e sentido único, con catro rotondas e redutores de velocidade, así como beirarrúas ao longo de todo o trazado e varios pasos de peóns. 

O orzamento conta cunha partida adicional de 124.500 euros para facer fronte ao desembolso das expropiacións das parcelas polas que transcorrerá a nova estrada. 

Arquivado en