Luz verde a dúas novas empresas no porto de Marín: unha consignataria e unha estibadora

Pontevedra
27 de setembro 2024

O Consello de Administración aprobou este xoves a autorización para a prestación do servizo comercial de consignación de buques no Porto de Marín á empresa COMARSA e outorgou unha nova licenza para a prestación do servizo de manipulación de mercadorías para pesca conxelada a granel e paletizada á empresa Estinorte

Porto de Marín
Porto de Marín / Autoridade Portuaría de Marín e Ría de Pontevedra

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aprobou este xoves a autorización para a prestación do servizo comercial de consignación de buques no Porto de Marín á empresa COMARSA (Consignacións e Operacións Marítimas S.A).

Segundo establece a lexislación portuaria, esta autorización préstase por un prazo de cinco anos, prorrogable anualmente de maneira automática salvo renuncia expresa da empresa.

Desde a súa fundación no ano 2000 como axencia consignataria de buques no porto de Vigo, COMARSA ofrece un servizo integral en todo o relacionado coa loxística de mercadoría e buques.

Están especializados no tráfico das pequenas e medianas empresas, especialmente no sector dos perecedoiros e conxelados. Son axentes exclusivos de MACS (Maritime Carrier Shipping) para o noroeste de España. Líderes no tráfcio con África do Sur desde Vigo, cunha frecuencia de 11 días, a súa frota de buques 'multi-purpose' permite manexar contedores refrixerados e secos, project cargo, ro-ro, cargas pesadas, carga xeral, graneis secos e líquidos.

Na súa reunión deste xoves, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria tamén aprobou outorgar unha nova licenza para a prestación do servizo de manipulación de mercadorías para pesca conxelada a granel e paletizada á empresa Estinorte (Estiba e Desestiba do Noroeste S.L.).

Esta empresa, con sede social en Moaña, naceu en 1990, e desenvolve a actividade de manipulación de mercadorías conxeladas desde o buque ata a planta de clasificación realizando distintos procesos de forma integral ata a saída ao cliente. Traballan nas instalacións frigoríficas da Ría de Vigo e do Porto de Marín.

Por outra banda, o Consello aprobou o nomeamento como práctico habilitado definitivamente de Antonio Ortega Sebastián, quen superou as probas convocadas pola Dirección Xeral da Mariña Mercante para exercer este labor de practicaje no Porto de Marín.