Luz verde á construción dun edificio con 40 novas vivendas na Parda

Pontevedra
31 de outubro 2024
Actualizado: 01 de novembro

A superficie do solar é de 1.563 metros cadrados e o edificio conta con tres sotos, planta baixa, cinco plantas e baixo cuberta

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra aprobou este xoves a licenza para a construción dun novo edificio con 40 vivendas na rúa Ludeiro, na Parda.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta deste asunto aprobado na Xunta de Goberno local.

A empresa promotora é Abeleira Inversiones S.L. e o orzamento ascende a 3,8 millóns de euros.

A superficie do solar é de 1.563 metros cadrados e o edificio conta con tres sotos, planta baixa, cinco plantas e baixo cuberta.

Dous dos sotos contan con 46 rochos e 69 prazas privadas e o terceiro con outros 33 estacionamentos pensados para o uso público vinculado á explotación do local comercial de 1.377 metros cadrados que haberá na planta baixa.

Nesta mesma Xunta de Goberno tamén foi adxudicado por 950.400 euros á empresa API Mobilidade o contrato da sinalización vertical e horizontal do municipio para o próximos catro anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano.

Por último, o goberno local resolveu o convenio coa Deputación de Pontevedra para executar o viario de Mollavao.

"Obviamente caducou ese convenio e, por tanto, resólvese e iniciase a tramitación dun novo", explicou o alcalde.

O novo acordo contempla un incremento do financiamento de 300.000 euros debido á actualización de prezos, co que a cifra final alcanza os 1.270.000 euros.