A empresaria e presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo Solís, volve á política activa tras apartarse da primeira liña desta actividade en 2011. Nese ano saíu das listas do PP local para o asalto á Alcaldía de Pontevedra e cinco anos despois métese na candidatura do PPdeG ás próximas eleccións autonómicas.
A tamén presidenta da empresa Pescamar e ex tesoureira do PP local irá no número 5 da candidatura por Pontevedra, que encabeza no número 1 o presidente do PP galego e actual mandatario da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e na que ocupa o número 2 o presidente do PP provincial e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela.
A lista anunciada este venres o secretario xeral dos 'populares' galegos, Miguel Tellado, inclúe máis novidades no relativo a Pontevedra. Cae dos primeiros postos da candidatura o presidente do PP local e deputado na anterior lexislatura, Jacobo Moreira Ferro. Nas eleccións autonómicas do 25 de setembro, irá no número 18.
O número 8 da candidatura ocúpao o actual delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e ex alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís.