Luns de intensa actividade municipal en Sanxenxo

Sanxenxo
10 de xullo 2017

Este luns celebrouse un pleno no que, por unanimidade, a corporación aprobou a presentación dun recurso á sentenza de TSXG sobre o deslinde entre os termos municipais de Sanxenxo e O Grove

María Deza e Telmo Martín
María Deza e Telmo Martín / Mónica Patxot

Este luns celebrouse un pleno no que, por unanimidade, a corporación aprobou a presentación dun recurso á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o deslinde entre os termos municipais de Sanxenxo e O Grove.

Posteriormente, reuniuse a Xunta de Portavoces na que o interventor municipal informou aos asistentes sobre os novos requirimentos legais para poñer en marcha a Feira Multisectorial de Portonovo.

Este ano a Delegación de Costas non autorizaba a celebración da Feira Multisectorial senón é o propio Concello quen asume a xestión e organización da mesma. O ano pasado, e tamén en anteriores veráns, o Concello delegaba a organización en terceiras persoas os cales á súa vez se encargaban do aluguer das casetas.

O novo modelo que se pon en marcha este ano, e á fronte do cal estará o Concello a través de Ínsula, redundará nunha mellor organización e maior profesionalización da feira. O goberno traballa nun proxecto que inclúa os detalles de organización, as esixencias, os tipos de casetas e a súa distribución, con intención de que o mércores se reúna o consello de Ínsula para aprobalo e quede así regulada esta nova edición da Feira Multisectorial.

A feira contemplará un total de 80 casetas, das cales 10 corresponderán á Asociación de Artesáns. O goberno traballa coa intención de que a feira poida instalarse canto antes, antes do 20 de xullo. Este ano a autorización de Costas abarca ata o 30 de setembro, en anteriores edicións a autorización só chegaba ata o último día de agosto.

O ano pasado os ingresos pola feira ascenderon a 206.000 euros máis IVE e este ano espéranse uns ingresos similares, aos que haberá que descontar os 18.000 euros que hai que pagar en concepto de canon á Delegación de Costas.

Finalmente, este luns tamén se celebrou unha Comisión de Contas, na que se aprobou por unanimidade a conta xeral do exercicio 2016. Agora terá que ser publicada en BOP para a súa ratificación definitiva no pleno.