Luisa Sánchez tomará posesión como deputada provincial tras a renuncia da vicepresidenta Marta Fernández-Tapias

Pontevedra
21 de febreiro 2024

Luisa Sánchez, que traballou durante 25 anos como directora financeira de Povisa é actualmente a directora de Recursos Humanos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Luisa Sánchez repartindo propaganda electoral do PP en Vigo
Luisa Sánchez repartindo propaganda electoral do PP en Vigo / Partido Popular de Vigo

A renuncia de Marta Fernández-Tapias foi comunicada oficialmente este luns, xusto despois das eleccións tal e como ela mesma anunciara, tras a súa saída entrará na corporación provincial pontevedresa a concelleira do Partido Popular en Vigo, Luisa Sánchez, que traballou durante 25 anos como directora financeira de Povisa.

Actualmente Luisa Sánchez é a directora de Recursos Humanos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou que como vicepresidenta "demostrou de todo o que é capaz" ao xestionar "dúas áreas moi potentes" como son Cultura e Deportes nas que "fixo un traballo extraordinario", segundo valorou o mandatario provincial tendo en conta que "unha posta en marcha, dun novo goberno e dunhas novas liñas de xogo sempre implican un sacrificio maior". 

Agora, a Deputación tomará coñecemento desta renuncia no próximo pleno que se celebrará este venres e "dará os pasos para a reorganización" ata que poida tomar posesión a seguinte persoa que substituirá a Marta Fernández-Tapias, que será, se non hai ningún pleno extraordinario, no último pleno do mes de marzo. 

No partido xudicial de Vigo había tres persoas titulares para asumir a acta de deputados na administración provincial que son Sandra Bastos, Jesús Vázquez Almuiña e ata o de agora Marta Fernández Tapias. A primeira suplente era María Luisa Sánchez.

XESTORA EN VIGO

Tras a renuncia de Marta Fernández-Tapias formalizada tamén ante o comité executivo provincial do Partido Popular, unha xestora poñerase á fronte do PP de Vigo "non máis tarde do 29 de febreiro", segundo anunciou o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.