Luisa Piñeiro Arcos, ex alcaldesa de Moraña e actual directora-xerente da empresa pública Seaga e secretaria xeral do PP Provincial de Pontevedra, vai concorrer de número 2 na candidatura do PP de Moraña para as eleccións municipais do 28 de maio, liderada polo presidente do Moraña CF, Sito Gómez.
O candidato popular deu a coñecer á súa primeira compañeira de lista nun encontro que tivo lugar este sábado na Carballeira de Santa Xusta. Gómez agradeceu a "xenerosidade, compromiso e implicación" por formar parte da candidatura.
Luis Piñeiro foi a rexedora de Moraña durante nove anos e medio tras rexistrar tres vitorias electorais nas municipais de 2011, 2015 e 2019 e explicou que a decisión foi "bastante sinxela porque eu nunca lle dixen que non nin a Moraña nin ao PP, xa que se trata de dúas cuestións que forman parte da miña vida e para as que sempre teño tempo".
Sito reiterou a súa ilusión polo proxecto do PP en Moraña e afirmou que no concello e no partido "afrontamos unha nova etapa, con renovación, pero que vai misturar continuidade e evolución e, nese escenario, temos que ser intelixentes para aproveitar o bo destes doce anos de gobernos do PP con Luisa Piñeiro e José Cela".