Luisa Piñeiro inicia en Marín a súa rolda de contactos cos municipios de Pontevedra

Marín
25 de setembro 2020

Entre os principais temas que se analizaron durante o encontro, atopáronse proxectos futuros como o novo auditorio de Marín, así como as obras relacionadas con Augas de Galicia e Infraestruturas que, como as sendas polo municipio, avanzan a bo ritmo

Encontro de María Ramallo e Luisa Piñeiro en Marín
Encontro de María Ramallo e Luisa Piñeiro en Marín / Xunta de Galicia

A nova delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, decidiu comezar por Marín a rolda de contactos con todos os municipios que están baixo a súa supervisión.

Así, este venres mantivo unha entrevista coa alcaldesa, María Ramallo, quen lle transmitiu as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica. 

Entre os principais temas que se analizaron durante o encontro, atopáronse proxectos futuros como o novo auditorio de Marín, así como as obras relacionadas con Augas de Galicia e Infraestruturas que, como as sendas polo municipio, avanzan a bo ritmo. 

María Ramallo agradeceu á nova delegada que iniciara as visitas aos concellos no seu municipio e felicitouna polo seu nomeamento, destacando o seu "carácter municipalista" como anterior alcaldesa de Moraña.

Pola súa banda, Luisa Piñeiro agradeceu o traballo que está a desenvolver María Ramallo á fronte da corporación de Marín e en especial, a súa "colaboración constante" coa administración autonómica durante a pandemia da covid-19.

A delegada territorial engadiu que nos próximos días visitará os diferentes concellos das comarcas do Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Pontevedra, O Salnés, Caldas de Reis, O Morrazo, Baixo Miño e Condado-Paradanta para recoller as súas necesidades e demandas.