Luisa Piñeiro formaliza a súa renuncia coma alcaldesa de Moraña

Umia
23 de setembro 2020

A xa ex alcaldesa expresa o seu agradecemento aos veciños polo apoio e aos concelleiros polo traballo e desexou o mellor para o Concello. O novo equipo, encabezado por José Cela, baralla celebrar o pleno de investidura a vindeira semana tras determinar a nova organización

José Cela e Luisa Piñeiro
José Cela e Luisa Piñeiro / Concello de Moraña

A ex alcaldesa de Moraña e delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñero, presidíu este martes á noite, por derradeira vez, unha sesión plenaria da corporación municipal, que se convocou de xeito extraordinario para formalizar a súa renuncia ao cargo, presentada o pasado xoves xa que é incompatible coa súa nova responsabilidade no goberno galego.

Piñeiro despedíuse cunha mensaxe de agradecemento adicada, en primeiro lugar, aos veciños polo gran apoio que lle amosaron ao longo destes máis de nove anos na Alcaldía e tamén aos seus compañeiros e aos demais concelleiros da corporación municipal polo traballo realizado. Así mesmo, desexou a mellor das sortes ao Concello e, tras amosarse convencida do gran futuro que ten Moraña, deixou claro que seguirá a traballar polo municipio dende o seu novo cargo na Xunta.

Tras a súa intervención, que abríu a sesión, Piñeiro abandonou a presidencia do pleno, que foi asumida polo alcalde en funcións, José Cela.

O rexedor accidental deu a palabra a Xoel Souto, que asumíu o cargo de voceiro socialista tras a recente dimisión de Diana Pereira, e anunciou que en vindeiras datas tamén haberá outra incorporación, xa que o estudante Javier Ruibal ocupará o sétimo escaño do grupo municipal do PP en substitución da ex alcaldesa.

Finalmente, tras a sesión, José Cela anunciou que o equipo de goberno está a barallar que a sesión de investidura, na que presumiblemente será designado como alcalde xa que o Grupo Popular ten maioría absoluta, se celebre a vindeira semana nunha data pendente de concretar.

O munícipe explicou que nestes días están a afrontar as tarefas de reorganización do executivo local "xa que a marcha de Luisa foi inesperada e loxicamente non había un plan previsto, polo que estamos tratando de axustar un funcionamento coral e baseado no equipo que sexa o máis axeitado para Moraña e para continuar co proxecto de desenvolvemento e progreso que temos para o noso Concello".