Luisa Piñeiro dimite como delegada da Xunta: "Non quero prexudicar á institución que represento"

Pontevedra
05 de febreiro 2021

Fíxoo tras coñecerse a sentenza do xulgado do penal número 3 de Pontevedra que a condena a ela e ao ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, entre outras persoas, a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude. Avanzou, en todo caso, que recorrerá a sentenza para defender a súa "honorabilidade" e a súa inocencia, xa que reiterou que "en todo momento" a súa actuación foi a "correcta"

Luisa Piñeiro comparece ante os medios de comunicación tras a sentenza condenatoria na súa contra
Luisa Piñeiro comparece ante os medios de comunicación tras a sentenza condenatoria na súa contra

Emocionada e rodeada dos seus máis estreitos colaboradores. Así comunicou Luisa Piñeiro a súa renuncia a todos os cargos públicos que ostentaba ata o de agora, entre eles o de delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra.

Fíxoo tras coñecerse a sentenza do xulgado do penal número 3 de Pontevedra que a condena a ela e ao ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, entre outras persoas, a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude.

O motivo, as irregularidades na concesión dunha subvención para as obras do campo de fútbol de Moraña, localidade da que Piñeiro era alcaldesa naquel entón, en 2013.

A pesar de que a sentenza non é firme, a ata o de agora delegada da Xunta en Pontevedra sinalou que "non quero prexudicar á institución que represento" e, ademais, anunciou a súa baixa como militante do PP, do que era a secretaria de organización na provincia.

Avanzou, en todo caso, que recorrerá a sentenza para defender a súa "honorabilidade" e a súa inocencia, xa que reiterou que "en todo momento" a súa actuación foi a "correcta".

"Confío plenamente na miña inocencia. Quero centrarme na defensa da miña actuación ante a xustiza que me parece que é o máis correcto", sinalou.

Tras mostrar a súa "disconformidade" coa sentenza do xulgado do penal número 3 de Pontevedra, a ata o de agora delegada da Xunta en Pontevedra asegurou que chegará "ata onde faga falta" para demostrar a súa inocencia.

Lembrou que o proceso de contratación, adxudicación, dirección, control e certificación destas obras "foi de outra institución que non era a que eu estaba representando" e asegurou que ela, como alcaldesa, "non tiña ningunha responsabilidade".

Luisa Piñeiro insistiu en que o proceso de concesión desta subvención é o mesmo que os 313 alcaldes galegos "facemos todos os días no noso traballo" e subliñou que a súa actuación como rexedora de Moraña "sempre estivo axustada a dereito".

"Traballei sempre única e exclusivamente para o benestar e o progreso de Moraña", engadiu Piñeiro, que recoñeceu estar "totalmente sorprendida" con esta sentenza. "Porque pedín unha subvención hoxe estou aquí", lamentou.