Luisa Piñeiro, actual alcaldesa de Moraña, será a nova delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra. Así o anunciou este xoves o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Substituirá a José Manuel Cores Tourís, que ostentaba este cargo desde 2009.
Núñez Feijóo, que tamén relevou aos delegados na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, agradeceu o labor de Cores Tourís durante máis dunha década e avanzou que este conservará o seu escano no Parlamento galego, obtido nas eleccións de xullo.
Para poder asumir esta nova responsabilidade, Luisa Piñeiro dimitirá como alcaldesa de Moraña, municipio que gobernaba con maioría absoluta desde 2011.
É, ademais, un dos valores en alza do PP pontevedrés e, tras a chegada de Alfonso Rueda á presidencia do partido, converteuse nunha das súas máis estreitas colaboradoras, sendo desde 2016 a secretaria de Organización do partido a nivel provincial.
Nacida en Moraña en 1975. Luisa Piñeiro é enxeñeira técnica de Industrias Forestais e, segundo consta na súa curriculum, ten un máster en Consultoría e Verificación Ambiental.
A SÚA DIMISIÓN, UNHA "FRAUDE" E UN "ENGANO" PARA BNG E PSOE
Desde o BNG a saída de Luisa Piñeiro da Alcaldía é unha "fraude" aos veciños de Moraña e lamenta que "deixe na estacada" ao municipio apenas un ano despois das eleccións. Esixen ademais coñecer "canto antes" quen a substituirá e a disposición do novo goberno.
A alcaldesa deixa atrás, segundo os nacionalistas, un "mal goberno" do que só destacan a súa ausencia de iniciativa, un incumprimento "sistemático" dos acordos plenarios, unha falta "absoluta" de comunicación e diálogo e ir "tarde e a remolque " durante a pandemia.
O PSdeG-PSOE tamén expresou a súa "perplexidade" ante o nomeamento de Piñeiro como delegada territorial da Xunta en Pontevedra.
Os socialistas cren que abandonar a súa responsabilidade como alcaldesa é un "engano aos veciños" e unha demostración da súa "falta de compromiso" con Moraña, ao apostar polas súas "ambicións persoais" e decidir "cambiar de aires ao primeiro de vez".