María Luisa Lores presentábase como candidata de Podemos á alcaldía de Pontevedra acompañada por Borja San Ramón, líder da agrupación en Galicia, nun encontro cos medios de comunicación.
A candidata explicou as liñas estratéxicas básicas que centran a súa campaña e baséanse na elaboración de orzamentos máis participativos, coa inclusión de mozas e de menores nestas elaboracións. Luisa Lores quere remunicipalizar servizos ao entender que "todo está privatizado en Pontevedra". Puxo como exemplo o contrato do lixo sinalando que os beneficios da xestión deste servizo pasan a mans privadas cunha adxudicación de doce millóns de euros.
Propón a creación de cociñas municipais para que as comidas escolares e da poboación de idades avanzadas sexa pública. Tamén quere crear un Consello de Saúde Municipal e aposta porque o Hospital Provincial continúe sendo de uso sanitario para determinados servizos destinados a pacientes crónicos.
O seu proxecto contempla unha proposta de utilización de autobuses eléctricos para reducir o uso do vehículo particular; a rehabilitación de vivendas principalmente destinadas á mocidade e para persoas maiores que viven soas; creación dunha oficina exprés para axilizar concesións e rehabilitar baixos; e plantación de árbores que ofrezan sombra na cidade para facer fronte ao cambio climático.
Luisa Lores sostén, entre outros factores, a necesidade de potenciar o CIM, eliminar as corridas de touros e establecer protocolos de lecer nocturno, coa posta en marcha dun autobús de regreso a casa para protexer á muller pola noite. Cualificou o plan social actual de Pontevedra como "raquítico".
Tamén incidiu na necesidade de incrementar o persoal municipal, evitando que sexa unicamente "intermediario coas empresas privadas".
Criticou a xestión actual do convento de Santa Clara afirmando que está en desacordo coa rehabilitación actual e demandou que ese espazo se converta nun recinto de integración multicultural como centro vivo con exposición e actividades, ademais de arranxar os xardíns, cambiar cubertas, interiores e xanelas do convento con fondos europeos.
Luisa Lores presentouse como unha persoa relacionada coa xestión: "son máster en xestión, fun directora asistencial do Complexo Hospitalario e podo xestionar o Concello máis sinxelamente". Expuxo como punto base do seu proxecto a intención de priorizar os recursos públicos en determinadas cuestións porque "diñeiro hai".
No caso de que Podemos sexa chave á hora de crear un goberno en Pontevedra indicou que pactarían coas agrupacións de esquerdas para "ser decisivos como Unidas Podemos a nivel estatal". Neste sentido, sinalou que mantén moitas amizades con integrantes de Marea Pontevedra e que "sei que me apoian pero non quixeron vir". A candidatura que presenta mantén alianza unicamente con Espazo Verde.
Por outra parte, o coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, a preguntas dos xornalistas, amosaba o seu respaldo a Yolanda Díaz para que a actual vicepresidenta do Goberno sexa a "vindeira presidenta" de España con Ione Belarra e Irene Montero como vicepresidentas, instando ao seu partido a buscar acordos e "tender pontes" coa agrupación Sumar, sen querer contemplar outras posibilidades.