As eleccións municipais de 2019 non tiveron bos resultados para Marea Pontevedra. Fronte aos 3.222 votos conseguidos na pasada cita electoral, a formación encabezada por Luís Rei viuse abocado ao fracaso este domingo nas urnas.
Cun 3,57% dos votos, o que supón unha perda de máis da metade dos seus votantes, Marea queda sen a representación que tivo durante o últimos catro anos na corporación pontevedresa, pasando, así, de dous edís no Concello a ningún.
Durante o escrutinio, na sede do partido os membros do mesmo agardaban, con incertidume, a mellora do reconto. Ao final, abrazos de resignación e as inevitables caras longas.
O portavoz municipal de Marea e candidato á Alcaldía, Luís Rei, manifestou, antes de nada, nunha rolda de prensa sen preguntas, o seu "agradecemento ao equipo de Marea Pontevedra por acompañarnos durante estes catro anos no Concello de Pontevedra e, sobre todo, polo traballo desinteresado nesta campaña electoral". Tamén quixo corresponder á cidadanía pola "confianza depositada en nós hoxe, a pesar de todo".
Fronte ao esborralle dos seus resultados con respecto ás pasadas eleccións: "Creo que levábamos, desde que irrompemos na corporación de goberno, en 2015, unha liña ascendente.
Pero iso viuse alterado nos últimos meses polo ruído e a furia da confluencia galega, das candidaturas de unidade popular aglutinadas en Marea", confesou Rei. A isto, engadiu, ante os membros do seu partido e xunto á número dous, Teresa Casal, que "consumouse a ruptura do espazo e volvemos, dentro do que é a esquerda do país, aos tempos do minifundismo. Dilapidouse o caudal de ilusión que se xerara nas pasadas eleccións".
Asegurou, ademais, que "chegaron estas eleccións, despois do resultado cativo das xerais, como unha cicloxénese explosiva dentro do noso panorama e do noso espazo político", polo que agora "corresponde aos órganos de Marea Pontevedra, mellor antes ca tarde, facer unha lectura, un análise de todo isto e tomar as decisións que se estimen oportunas e valorar o resultado das eleccións de hoxe, que nos deixan fóra do Concello".
O ata este domingo edil no Concello de Pontevedra considera que é momento de facer autocrítica e que "correspóndelle á Dirección do partido decidir se realmente queren quedar e queren seguir tratando de traballar polo ben común de Pontevedra e dos pontevedreses", concluíu.
A continuación, Casal, que non entrou en detalles, respaldou as palabras de Luís Rei e pechou a reunión: "O único que podo dicir é que o pobo é soberano e o pobo decidiu. Polo tanto, terá que aturar as consecuencias do que escolle".