O Palacio de Congresos de Palma de Mallorca foi escenario este venres dun encontro de presidentes de deputacións, cabildos e consellos insulares.
Alí estaba Luís López como máximo responsable da Deputación de Pontevedra, sumándose ao manifesto co que a Deputación únese ao municipalismo español na petición de reformar o sistema de financiamento local.
Piden que sexa suficientemente elaborada e de consenso para que garanta a igualdade na prestación dos servizos para toda a poboación.
Neste punto os dirixentes provinciais, sinala a Deputación de Pontevedra, mostraron unidade á hora de esixir ser escoitados na apertura dun necesario proceso de reforma do sistema de financiamento, que debe incluír tamén o financiamento autonómico para asegurar a suficiencia financeira de todos os gobernos locais.
Tamén piden evitar solapamentos entre os diferentes niveis da administración e dotalos de recursos suficientes para desenvolver as súas competencias e servizos públicos.

O acordo dos representantes dos gobernos provinciais pon o foco nunha aposta por un turismo sostible, a transformación dixital e o respecto polo medio ambiente nas actividades económicas do sector primario.
Coa aprobación desta declaración conxunta deuse por clausurada a sexta edición da Conferencia de Presidencias Provinciais organizada pola Fundación Democracia e Goberno Local, en colaboración coa FEMP.
Esta última xornada da Conferencia celebrada na cidade de Palma de Mallorca contou tamén con dúas mesas de debate. Unha, centrada nos retos do turismo responsable; e outra, sobre a transformación dixital, a intelixencia artificial e a ciberseguridade.
Os dirixentes provinciais protagonizaron tamén unha visita oficial á Catedral de Palma.