O salón de plenos da Deputación de Pontevedra converteuse en escenario do acto que este luns protagonizaba o grupo de goberno da institución provincial para facer balance do ano que leva á fronte do organismo.
Ao redor de duascentas persoas ocupaban os asentos coa presenza de representantes do sector empresarial, deportivo e social da provincia.
Ao acto non acudían os integrantes do grupo provincial do PSOE, mentres que o BNG estaba representado polo ex vicepresidente e actual portavoz César Mosquera e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, que asistiron xunto a outros máximos representantes políticos dos municipios como, entre outros, Gonzalo Durán (PP), alcalde de Vilanova de Arousa; David Castro (PP), alcalde de Ribadumia; David Carrera, alcalde da Lama; Manuel Campos (PSOE), alcalde de Cuntis; ou Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), rexedor de Barro.
Tamén se achegaron ao salón de plenos a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo; o portavoz de Facenda do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy; a senadora do PP, Pepa Pardo; Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta; José María Corujo, presidente de AEMPE; ou o presidente de AFAPO, José Manuel Fontenla, entre outros representantes de diversos colectivos.
Con quince minutos de atraso sobre o horario previsto comezaba o acto con Luis López, presidente da Deputación, explicando que non querían facer un balance "que fose para dentro" nin atribuírse en exclusiva os méritos alcanzados durante este ano de mandato e agradeceu que os alcaldes tendesen a man durante o tempo que leva á fronte da institución. "É unha celebración de todos e para todos", manifestou ao facer unha análise destes meses en que subliñou a "implicación, xestión e compromiso" do equipo que lidera.
Con todo, López mostrou críticas aos seus predecesores, o goberno bipartito PSOE-BNG que encabezaba Carmela Silva: "en lugar de buscar diferenzas, buscamos acordo. Quixemos devolver a cordialidade onde había crispación. Cambiamos extravagancias ideolóxicas por sentido común. Nós quixemos estar coa xente", afirmaba o presidente provincial.
Expuxo que foi un ano de cambios profundos e de adoptar medidas para modificar aspectos que levaban anos ou décadas implantados. "Non somos revisionistas", aclarou para, a continuación, manifestar que foi un ano de municipalismo onde se primaron os intereses veciñais por encima de todo e un "ano de tender pontes", lema que promove o actual goberno da Deputación.
En canto aos logros, Luis López destacou dentro da presentación denominada 'Doce meses, doce fitos' o presuposto récord de case 190 millóns de euros, con máis de 90 millóns destinados a obras, impulsando 440 actuacións en todos os municipios.
Incidiu tamén na creación de 725 postos de traballo en concellos de menos de 50.000 habitantes, grazas aos 8,5 millóns de euros destinados pola institución que preside.
Tamén apuntou que a colaboración é a bandeira do actual grupo de goberno con colaboracións coa Xunta, presentación dos orzamentos no Parlamento de Galicia, accións coa Federación Española de Municipios e Provincias, coas Universidades e con proxectos europeos, ademais de manter diálogo cos 61 rexedores dos municipios da provincia.
Expuxo que a Deputación tivo presenza en 1.800 actos públicos durante este ano e en 450 deles coa asistencia do propio presidente.
Especial atención prestou ao apartado de turismo expoñendo a presenza en feiras turísticas internacionais ou campañas de promoción do mesmo xeito que as liñas de axudas de 100.000 euros para atraer eventos deportivos; ou o patrocinio coa olímpica Teresa Portela para que sexa embaixadora das Rías Baixas en todo o mundo. Tamén, en leste mesmo sentido, destacou os investimentos en infraestruturas deportivas e en axudas a grandes eventos.
López detívose na aposta polas cidades falando de Vigo e Pontevedra. No caso da cidade do Lérez destacaba a reformulación do proxecto de Santa Clara coa achega prevista de 6 millóns de euros por parte da Xunta; os acordo de investimentos co Concello; a recuperación da Bienal de Arte e a consolidación do Museo como referente coa presentación de grandes exposicións que terán lugar nos próximos meses: "albergará exposicións que non se viron nos últimos vinte anos", argumentou o presidente.
Luis López: "Quixemos devolver a cordialidade onde había crispación. Cambiamos extravagancias ideolóxicas por sentido común"
Tamén quixo referirse ao novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico con diversas iniciativas. Sinalou que a provincia vai a máis en cultura, infraestruturas, dixitalización, benestar social, igualdade e medio ambiente e mar remarcando a xestión solvente coa elaboración de orzamentos en tempo e forma e o pago de facturas e provedores nun prazo máximo de seis días.
CRÍTICAS DESDE O BNG
César Mosquera, vicepresidente co bipartito da Deputación e actual portavoz do grupo provincial do BNG, lamentaba o "exceso de triunfalismo" e engadía que había un "erro de plan de partida, que tamén o tiña Carmela Silva: pensa que hai que facer campaña electoral cando na Deputación non hai eleccións".
Apuntou tamén que "botei en falta un certo saber estar, unha certa elegancia. Parece que todo o que se fixo antes estivo mal", sinalaba Mosquera para continuar apuntando que "é un discurso contraditorio. Hai a tira de millóns e di que deixamos mal economicamente a Deputación. A ver como se come iso".
Agradeceu, en todo caso, "o ton máis ou menos conciliador" pero lamentou a falta de autocrítica por parte do PP: "houbo unha vicepresidenta que aspiraba a presidenta que deu a espantada", sinalou facendo referencia á marcha de Marta Fernández-Tapias, que provocou un cambio na organización do goberno provincial deixando como primeiro vicepresidente a Rafa Domínguez e a Luisa Sánchez como vicepresidenta segunda.
"Nós seguimos pensando que canto mellor lle vaia ao goberno mellor lle irá á provincia e terá a man tendida para as melloras que se poidan impulsar", expresou manifestando a colaboración que o goberno de López atopará no BNG para proxectos de futuro para a provincia.