O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de enviar unha carta dirixida a cada un dos 61 alcaldes e alcaldesas dos municipios da provincia na que reitera o seu compromiso persoal e do goberno que preside de apoiar con investimentos os proxectos de todos os concellos.
Avanza Luis López que o goberno provincial xa está a elaborar os vindeiros Orzamentos Provinciais para o ano 2024, que deixarán clara esa "vontade colaborativa" do novo executivo provincial. "As contas porán o reforzo dos investimentos nos concellos no centro das súas prioridades", asegura na carta.
Neste sentido, o dirixente provincial insiste en tender a man a todos os rexedores, que poden contar coa "máxima colaboración" da Deputación neste novo mandato.
No seu escrito, López expresa a súa "máxima vontade" de manter unhas "relación institucionais fluídas e frutíferas" cos representantes dos 61 concellos da provincia.
"Esta nova etapa na Deputación de Pontevedra estará marcada tanto por esa cooperación como polo compromiso coas necesidades, específicas e comúns, dos 61 municipios da provincia: con todos, sen excepcións ideolóxicas ou de ningún outro tipo", sostén o presidente.
Un ofrecemento que o fai por convencemento persoal pero tamén para acatar a orde da cidadanía pontevedresa. "Ese foi o desexo expresado nas urnas polos pontevedreses e pontevedresas o pasado mes de maio: máis moderación, máis colaboración e menos conflitos innecesarios", argumenta o mandatario popular.
A carta remata cun novo chamamento aos alcaldes e alcaldesas da provincia aos que lle reitera a súa "disposición a manter encontros institucionais para sentar as bases desa colaboración e abordar asuntos de interese conxunto", remata Luis López.