O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, lamentou o "sectarismo no que está inmerso o PSOE" que "lle leva a facer críticas mesmo do que non existe".
A preguntas dos xornalistas durante unha rolda de prensa celebrada este venres, Luis López respondeu á advertencia do secretario xeral provincial do PSOE, David Regades, ao anunciar que pelexarán nas instancias administrativas e mesmo xudiciais se o PP consuma "a volta ao modelo caciquil, á repartición a dedo en función da cor política dos concellos".
Ao presidente provincial estas acusacións do PSOE parécenlle "algo curioso" porque "todos saben que estamos no proceso de elaboración dos orzamentos do próximo ano 2024" nos que, insistiu o presidente da Deputación "nós temos como prioridade o reforzo dos investimentos nos concellos".
"O que lle recomendo ao PSOE é que abandonen esta oposición desesperada de insultos e que non se precipiten" dixo o mandatario popular, "que nos deixen facer e logo, máis tarde, cando coñezan os nosos plans, entra dentro da lóxica a crítica, o formular melloras ou todo o que eles consideren".
Ademais, Luis López asegurou que está en contacto con "bastantes alcaldes" xa que pola súa anterior condición de delegado territorial da Xunta "o 90% dos alcaldes e alcaldesas coñécenme teñen o meu número de teléfono" e algúns rexedores socialistas "cuestionan o tipo de oposición" que está a facer o grupo provincial do PSOE "que o circunscriben a un ámbito máis territorial, concretamente de Vigo, e poida que non estean de acordo".
Por último tamén cuestionou a existencia de "obxectividade" nos investimentos do anterior goberno provincial PSOE – BNG atendendo aos datos facilitados antes das eleccións pola entón presidenta Carmela Silva que apuntaban que o Concello de Marín (PP) con mil habitantes máis que Ponteareas (BNG) recibiu 5 millóns de euros menos en investimentos por parte da Deputación ou que o Concello de Soutomaior (PP) con tres mil habitantes máis que Cuntis (PSOE) recibiu un millón de euros menos de investimento provincial.
"Esta relativa obxectividade ponse de manifesto con datos proporcionados pola anterior presidenta que non é así", sentenciou o presidente da Deputación de Pontevedra.
PSOE
Este xoves David Regades advertíalle aos "falcóns do PP" que o Partido Socialista non vai tolerar a "vandalización" da Deputación para volver ao reparto de fondos "a dedo".
"O Plan Concellos financiou, con fondos regrados, case 3.000 obras, case 1.500 actividades socioculturais e a contratación de máis de 7.000 persoas desempregadas: ese é o legado", dixo o secretario xeral do PSOE na provincia.
Regades considera "indicios claros" da volta ao partidismo o parón no proxecto de Santa Clara en Pontevedra e a "patrimonialización dos investimentos en Vigo por alguén que ten cinco concelleiros".