Luís López asegura que os intereses de Galicia están "mellor defendidos" polo goberno de Portugal que con Pedro Sánchez

Pontevedra
24 de outubro 2024
Actualizado: 11:38

Posturas diferentes no encontro hispano-luso no que se refire ás conexións por alta velocidade entre ambos os dous países. Para o executivo español o prioritario é unir Madrid con Lisboa en 2030

Luis Montenegro y Pedro Sánchez
Luis Montenegro y Pedro Sánchez / Gobierno de España

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, valorou negativamente que a prioridade do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sexa concluír a Liña de Alta Velocidade entre Madrid e Lisboa para o ano 2030 fronte á intención de Portugal de acabar a liña que unirá Lisboa con Vigo para o ano 2032.

"Lamentar que os intereses de Galicia, no que se refire ao AVE, estean mellor defendidos polo Goberno de Portugal que polo Goberno de Pedro Sánchez", manifestou este xoves Luís López que asegura que o Executivo central "maltrata os galegos".

"As prioridades que teñen en Madrid non coinciden para nada coas dos pontevedreses", afirmou López ante a decisión de España de culminar en 2030 os 200 quilómetros que faltan entre Toledo e Plasencia mentres pospón os 25 entre a estación viguesa de Urzaiz e a de Valença.

No XXXV Cume Ibérico de Faro (Algarve) o primeiro ministro luso, Luís Montenegro, reiterou a aposta do seu Goberno polo avance na construción da Liña de Alta Velocidade na Eurorrexión de Galicia-Norte de Portugal, relegando a conexión directa a Madrid por Évora e Badaxoz a un segundo lugar.

Este xoves, nunha comparecencia ante a prensa, Luís López lamentou a xestión do Goberno de España respecto de Galicia en materia de infraestruturas que "deixa moito que desexar".

Segundo enumerou, na nosa Comunidade "as peaxes son os máis caras e ano tras ano seguen subindo", as conexións ferroviarias son "un caos diario", o estado de conservación e mantemento da rede estatal "dá pena, con graves riscos e ás veces, por desgraza, acontecementos que non desexamos" xa que as estradas da rede nacional "son as máis perigosas e as peor conservadas".

A isto suma, "un bonus a maiores", que ao seu xuízo son "as declaracións insultantes do ministro Puente, que por certo aplauden os socialistas galegos".

Neste sentido, o presidente da administración provincial pontevedresa anuncia que vai seguir "esixindo que se priorice a AVE Vigo-Porto-Lisboa".