Luis López convoca a todos os alcaldes para explicar o novo plan de investimentos da Deputación

Pontevedra
09 de outubro 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra detallará aos rexedores o novo marco de reparto de fondos "marcado pola transparencia e a ausencia de sectarismomportar o seu tamaño ou o partido no goberno", asegura.

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O día 16 de outubro é a data elixida polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para convocar os 61 alcaldes da provincia para unha reunión no Pazo Provincial para informarlles do programa de investimentos do goberno provincial para o próximo exercicio.

Segundo trasladaron dende o goberno provincial, no marco dos preparativos dos Orzamentos do próximo ano "e cumprindo coa súa palabra de explicarlle primeiro ao conxunto de rexedores os principios que marcarán os investimentos da Deputación nos distintos concellos pontevedreses", o mandatario provincial remitiu este luns unha invitación aos 61 rexedores da provincia na que os convida a asistir á reunión.

Un encontro no que lles trasladará a súa intención de "estreitar a colaboración cos concellos" e "afondar no apoio aos investimentos municipais". 

Así mesmo, Luis López detallará a todos os dirixentes municipais cales serán os principios e as liñas mestras que marcarán o reparto de fondos provinciais nos distintos concellos, "que estará rexido pola transparencia e a ausencia de sectarismo", subliña o goberno provincial.

O presidente trasladará o seu compromiso de levar a cabo un mandato "caracterizado pola cercanía, a comunicación fluída e a lealdade institucional con todos os concellos sen importar o seu tamaño ou o partido no goberno".