A Deputación de Pontevedra negocia unha modificación do deseño con Nieto Sobejano, o estudo de arquitectura gañador do concurso internacional convocado para restaurar e ampliar o convento de Santa Clara e convertelo nunha nova sede do Museo Provincial.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou a existencia destas negociacións que "con moi bo criterio e con toda a celeridade que lle está dando o vicepresidente Rafa Domínguez, porque para el é unha das súas prioridades, era sentar co estudo que redactou e foi gañador do proxecto".
O vicepresidente provincial e encargado do Museo, Rafa Domínguez, aborda desde hai varias semanas esta posibilidade coa firma madrileña liderada por Fuensanta Nieto e Enrique Sobejano.
A proposta exposta por Nieto Sobejano Arquitectos abre unha nova entrada no muro por Barcelos, conectando o novo museo e os seus xardíns coa cidade.
Contempla unha recepción cun amplo baldaquino situado no eixo do claustro, e a restauración e rehabilitación do antigo convento respectando a súa arquitectura orixinal, convertendo o ata o de agora incompleto claustro no corazón do museo e habilitando un centro arqueolóxico que se construiría parcialmente baixo terra.
"Na esencia coincidimos plenamente", asegurou o presidente da Deputación, "pero non podemos entender que se destrúan uns xardíns para ter alí un depósito de restos arqueolóxicos". "Nós chegamos, analizamos o proxecto e vimos cousas que non nos encaixaban", explicou.
De modo que a proposta da administración provincial é cambiar unha parte deste deseño elixido ‘Verbas da pedra’ na parte que proxecta a ocupación de máis de 2.000 metros de xardín para a construción dun almacén subterráneo para gardar os restos arqueolóxicos. Rafa Domínguez chegou a asegurar que esa actuación ía a "vandalizar" os xardíns.
Entre as vantaxes que supoñería continuar co proxecto de Nieto Sobejano pero modificándoo atópase o aforro de tempo e diñeiro. Xa que podería levar ata dous anos o reiniciar o proceso para buscar un novo proxecto. Ademais, o recorte que se propón fai que a proposta sexa menos ambiciosa e custe menos.
Luis López expresou a súa confianza na "liña de colaboración" aberta nestas reunións co estudo de arquitectos que "van dar seguramente boa cumprida do que quere o vicepresidente e, por suposto, que é o que pretende a cidadanía de Pontevedra" cuxa "sensibilidade", a de "a maioría", é a que recolleu Rafa Domínguez, segundo asegura o mandatario provincial.
O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, aplaudiu esta "rectificación" ante o "delirio" que supoñía, ao seu xuízo, a intención de Rafa Domínguez de anular o concurso de ideas para reformar o antigo convento. "Se queren cambiar algo, que o cambien", conveu o ex vicepresidente sobre a posibilidade de que a nova Deputación modifique o proxecto gañador para converter o antigo cenobio das clarisas na sétima sede do Museo de Pontevedra.