Luis Bará: "O PP ten unha obsesión enfermiza co Concello de Pontevedra"

Pontevedra
12 de agosto 2016

O candidato pola provincia de Pontevedra do Bloque Nacionalista Galego respondeu ás críticas realizadas polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, á formación nacionalista e ao alcalde da capital

Anabel Gulías, Luis Bará e Olalla Obelleiro, integrantes da candidatura do BNG á Xunta
Anabel Gulías, Luis Bará e Olalla Obelleiro, integrantes da candidatura do BNG á Xunta / BNG

"Hai alcaldía de Lores para moito tempo", así de claro mostrouse Luís Bará, cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Pontevedra ás eleccións á Xunta de Galicia previstas para o  próximo 25 de setembro. O tamén concelleiro nacionalista no goberno local de Pontevedra saía en resposta ás críticas realizadas polo secretario xeral do PPdeG Miguel Tellado, que vinculaba o futuro de Fernández Lores na alcaldía de Pontevedra a uns posibles malos resultados do Bloque nas próximas eleccións.

Bará sinalou que as eleccións autonómicas non teñen nada que ver coas municipais e afirmou que nunca vira tan en forma a alcalde de Pontevedra, ademais de sinalar que o BNG se presenta como unha opción seria a estes comicios.

O candidato pola provincia dos nacionalistas asegurou que o Partido Popular ten unha "obsesión enfermiza co Concello de Pontevedra" e engadiu que "xa lle gustaría ao PP ter un goberno como o de Lores, un concello coas ideas claras".

Desta forma, Luis Bará relatou a falta de investimentos en Pontevedra por parte dos populares nos seus gobernos á fronte da Xunta e denunciou a utilización partidista das institucións e a falta de lealdade por parte de Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.

Neste sentido, o candidato do BNG sinalou, entre outros incumprimentos, a falta de investimento na ponte das Correntes por parte da administración autonómica; no saneamento do río dos Gafos; na variante de Alba ou na mellora das rías. Ademais, lembrou a culpa que teñen os populares da prórroga de 60 anos concedida a Ence.

Arquivado en