A un mes das eleccións autonómicas do 25 de setembro, o concelleiro do BNG en Pontevedra e número 1 desta formación na candidatura pola provincia de Ponteveda, Luís Bará, atópase xa metido ao 100% na precampaña e este mércores anunciou as liñas básicas da campaña nacionalista para os comicios, que estará "centrada nas ideas e nos sentimentos" e defenderá a "experiencia, solvencia e rigor" da súa formación fronte aos "líos" internos que están metidos os outros partidos da esquerda e ao "goberno sen alma" do PP.
Bará mantivo un almorzo informativo cos medios de comunicación arroupado por outras integrantes da súa candidatura como a concelleira en Pontevedra Anabel Gulías (posto 20) e a edil de Soutomaior Olalla Obelleiro (9) e membros do BNG comarcal como Carmen Fouces, Demetrio Gómez, Eva Vilaverde e Manu Lorenzo. No transcurso do mesmo defendeu que no seu partido "estamos preparados" para as autonómicas, pois "temos os deberes feitos desde hai tempo", en alusión a que foi o primeiro partido dos que se presentan aos comicios en elixir candidata á Xunta de Galicia, Ana Pontón, e en pechar as listas de todas as provincias.
Fronte a un resultado que recoñecen que foi "negativo" nas dúas últimas xerais de decembro e xuño, afrontan con optimismo esta nova cita electoral e lembran que as eleccións autonómicas "son as nosas", nas que"o BNG é o equipo da casa" e farán unha campaña "moi activa" con "moita presenza nos territorios".
Na campaña farán unha proposta "para cambiar o rumbo" de Galicia e "deixar atrás o pasado que representa o PP", un "goberno sen alma que non cre nas posibilidades do país". Eles buscarán un goberno realmente galego "e non unha xestoría ou unha delegación de Madrid" como o últimos oito anos con Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta.
Ademais de ser duro co actual equipo de goberno, Bará cuestiona ao resto das forzas políticas de esquerda e a chamada nova política e, cando empece a campaña, pedirá o voto para o BNG porque "non é tempo de improvisación nin de experimentos", en alusión velada a En Marea e porque, ademais, ao BNG lle "preoupa o espectáculo lamentable de líos, liortas e enfrontamentos noutras forzas políticas", en referencia tamén indirecta ás divisións internas do PSdeG-PSOE.
Os lios duns e outros, aseguran, "están favorecendo a campaña do PP", pero non descarta un escenario electoral no que un pacto da esquerda consiga chegar á Presidencia da Xunta e asegura que si negociaría co resto de forzas políticas para desaloxar ao PP do goberno. Lembra, respecto diso, que "ao BNG ninguén lle pode achacar ningunha dúbida" sobre a súa postura para favorecer gobernos alternativos, como fixo en lugares como Lugo, A Coruña ou Santiago de Compostela, algo que "non se pode dicir doutras forzas políticas", en referencia a que Marea Pontevedra non apoiou ao BNG para chegar á Alcaldía ou Podemos ao PSOE para chegar á Presidencia do Goberno.
Fronte á "decepción" que ve nos cidadáns cos gobernos municipais das chamadas 'cidades rebeldes', contrapón o goberno "contrastado" do BNG en municipios como Pontevedra, Poio, Carballo ou Allariz e encara a precampaña sen despexar unha dúbida sobre o seu futuro e se deixaría o seu cargo de concelleiro en Pontevedra se chega ao Parlamento de Galicia. Non é o momento de dar a coñecer a súa posición, senón que agora está "volcado na campaña".