O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, valorou este luns como "excelente" o resultado da formación nacionalista nos comicios autonómicos deste domingo e sinalou que o Bloque está " de remontada", chanceando con que "con dous debates e unha semana máis, nos los merendamos".
"Síntome moi moi orgulloso polo traballo feito", repetiu Bará sinalando o labor desenvolvido pola súa organización despois das eleccións xerais de xullo como a "clave" para que comezase un proceso de "recuperación" que lles levou a "romper con todas as previsións, expectativas e enquisas" e obter un "excelente resultado tendo en conta a situación na que estabamos o pasado 26 de xuño". Igualmente sinalou o papel da líder, Ana Pontón.
En todo caso, Luís Bará precisou que "o resultado electoral a nivel xeral non é satisfactorio porque o PP consolida a súa maioría absoluta en Galicia e iso é unha mala noticia para o país", pero cre que isto máis que mérito do Partido Popular, "é máis demérito das forzas políticas que tiñan obrigación de presentar unha alternativa ao PP".
Bará apuntou que "o fracaso desas forzas políticas a nivel estatal, a súa incapacidade para chegar a acordos e formar unha alternativa política ao Partido Popular deulle unha vida extra a Rajoy, ao PP e tamén a Feijóo en Galicia", e tamén indicou que "houbo unha falta de capacidade de ilusionar e de atracción" por parte desas forzas que, a xuízo de Luís Bará, "ten que ver con ese desgaste que están a ter, polas súas propias contradicións, polas súas propias loitas", e citou o "espectáculo" que deron nas semanas previas á cita electoral. Todo iso "axudou moitísimo ao PP" e tamén engadiu o "desgaste" que están a ter nas súas propias experiencias de goberno nas cidades, "que están a ser para moita xente decepcionantes".
DEIXARÁ DE SER CONCELLEIRO?
"Se dependese de min tentaría compatibilizalas, pero non depende de min", indicou.
Preguntado por se abandonará a súa responsabilidade como concelleira no grupo de goberno do Concello de Pontevedra, Bará respondeu que "esas cousas falaranse con calma aquí na casa, en principio o máis lóxico é esa idea, os dous postos incompatibles", dixo.
Estas circunstancias valoraranse no grupo parlamentario e no grupo municipal e "tomaremos a mellor decisión para o BNG e para as institucións nas que estamos".
Respecto da súa opinión persoal, Bará confesou que "síntome absolutamente feliz, realizado e motivado na política local" e ao comparar a súa traxectoria conclúe que "non hai ningunha outra experiencia de goberno na política municipal".
"Se dependese de min tentaría compatibilizalas, pero non depende de min", indicou.
"Estarei ao que decida a miña organización", engadiu, "pero o feito de ter seis deputados vai requirir moita dedicación moito esforzo e traballo e é difícil compatibilizar esas dúas tarefas". "Pero se dependese de min non deixaría o concello, quedan moitos proxectos en marcha que me gustaría axudar a culminar", concluíu.
Por último, Bará destacou que en Pontevedra queda un proxecto "sólido, solvente, cun grande equipo, capacidade de mover ‘banquiño’ e renovarse con persoas novas", e cun liderado de Lores "ao que nunca vin coma nos últimos tempos, con tanto entusiasmo, tan seguro, tan animado, motivado e decidido a seguir á fronte deste concello. Que ninguén teña dúbidas nese sentido que hai Lores por moito tempo".