Luís Bará apela á mobilización da comarca de Pontevedra para conseguir o cambio político na Xunta

Pontevedra
03 de xullo 2020

O cabeza de lista do BNG participou este venres nun acto de campaña do partido na praza da Peregrina de Pontevedra

Acto de campaña electoral do BNG na praza da Peregrina
Acto de campaña electoral do BNG na praza da Peregrina / BNG

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, estivo este venres na praza da Peregrina nun novo acto de campaña electoral no que instou á cidadanía da comarca de Pontevedra a ser clave na derrota do Partido Popular de Núñez Feijoo e para conseguir un cambio no goberno da Xunta. "Temos moita fortaleza, temos proxecto, o aval dos gobernos municipais e unha candidatura e un liderado moi potente",  dixo o candidato..

 "Hai dous grandes obxectivos, por un lado derrotar ao Partido Popular e ás súas políticas insolidarias e por outro vencer ao centralismo que nos afoga e nos paraliza. Este dobre obxectivo só o garante o BNG. Por iso estamos a facer unha campaña intensa, por terra, mar e aire.  Estamos a promover unha grande mobilización con Ana Pontón como presidenta”, defendeu Bará.

O obxectivo dos nacionalistas para gañar as eleccións pasa por mobilizar o voto novo e urbano para conseguir un cambio " dirixido dende aquí e non dende Madrid”, subliñou.

Sobre o desenvolvemento da campaña electoral para o Bloque, Bará afirmou que está a ser "excepcional". "Unha campaña moi expansiva e mobilizadora cun medre imparable e un ambiente de entusiasmo arredor do BNG de Ana Pontón, a clave desta campaña para nós é a ilusión”, definiu Bará defendendo que o BNG garante un proxecto propio para o país.con Ana Pontón como presidenta.