O alcalde de Poio, Luciano Sobral, saíu ao paso das críticas do grupo municipal do Partido Popular para precisar que o Pazo Besada "está en obras, non en abandono", como criticou a oposición.
"É evidente que o interior non está restaurado, pero si o exterior e os dous edificios anexos, que xa están en funcionamento e fan un servizo á cidadanía de Poio", sinalou.
Sobral lamentou que o Partido Popular pida unha baixada de impostos ao mesmo tempo que reprocha ao goberno local "que gaste moito" e agora esixa que Poio acometa un investimento que superaría os 300.000 euros. "Poio non é un Concello rico", dixo "hai que ter os pés na terra".
O rexedor lembrou "orgulloso" que o concello recuperou este espazo público para os veciños e que entre os plans do goberno local está o de iniciar a primeira fase do proceso de rehabilitación interior do Pazo Besada este mesmo ano se o "incremento nas inversións" permite facer algún desembolso no edificio.
Ademais Luciano Sobral lembrou que o Partido Popular sempre se situou en contra deste tipo de investimentos, e citou xunto ao Pazo Besada o rexeitamento do PP a outros equipamentos como o Casal de Ferreirós, a Casa de Rivas ou a Casa da Cultura de Raxó.
O goberno municipal baralla varios destinos para este inmoble sendo o máis demandado o de centro social para mozos e maiores.