O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acusou os responsables da empresa pública autonómica Xestur de "boicotear" o polígono de Fragamoreira.
Xestur encárgase de xestionar o solo industrial e o seu xerente na provincia é Javier Domínguez, que tamén é concelleiro do PP en Poio. A el e á Xunta sinala directamente o rexedor nacionalista ao afirmar con rotundidade que "Xestur boicoteou o polígono de Poio", unha infraestrutura que define como "moi importante" para o municipio. Fragamoreira sería un parque de 386.500 metros cadrados, dos que case 235.000 se dedican a chan de aproveitamento industrial ou comercial, sendo os restantes para viais, zonas verdes ou equipamentos.
"Iso témolo moi claro. Mentras non haxa unha aclaración sobre ás circunstancias que se deron seguiremos a pensar o mesmo. A realidade é que durante cinco anos non se fixo absolutamente nada máis do que se fixera durante o mandato do goberno bipartito da Xunta", sostén o alcalde.
O desenvolvemento deste parque empresarial está parado, segundo explicou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas "ata o momento no que haxa demanda contrastada a través do rexistro de demandantes de solo empresarial".
O prazo que se fixa a Xunta para desenvolver esta dotación sitúase no ano 2024
Mentres tanto segue gardado nun caixón o proxecto de expropiación dos terreos do polígono industrial que ten aprobado o Plan Parcial pero que carece de proxecto de urbanización e accesos. O prazo que se fixa a Xunta para desenvolver esta dotación sitúase no ano 2024.
Luciano Sobral recorda que "na consulta que se fixo había máis empresas interesadas que os propios metros que ofertaba o polígono", aínda que recoñece que aquela sondaxe foi anterior á crise.
"A cuestión de fondo é que Xestur optou por non urbanizar iso, plantou ou proxecto de urbanización que era o primeiro que tiña que facer, levar os servizos exteriores a ese polígono e a partir de aí poñer o terreo a disposición", insistiu Luciano Sobral alertando doutras consecuencias que isto ten "iso está a monte, está abandonado, era un terreo que estaba a rústico e que agora pasou a urbano co cual agora os veciños están pagando máis e sen visos de que haixa un futuro".
O alcalde de Poio insiste en que á empresa Supermercados Foiz "interesáballe a terceira parte do polígono", uns 100.000 metros cadrados de superficie.
Na última reunión mantida, o propio xerente de Xestur Pontevedra, Javier Domínguez, recoñeceu os concelleiros Xulio Barreiro e Chelo Besada que Froiz mantén o interese por instalarse no polígono.