Sanxenxo xa puxo data ao tradicional acendido da iluminación do Nadal. Será o venres 6 de decembro. Haberá unha gran festa na Praza Pascual Veiga para celebralo.
A festa, que o goberno municipal organiza en colaboración con Entretendas, a asociación de comerciantes de Sanxenxo, incluirá espectáculos musicais e moitas sorpresas.
Toda a iluminación que engalanará as principais rúas e prazas do municipio estará acendida ata o 6 de xaneiro, Día de Reis.
O Concello destina este ano a esta iluminación case 132.000 euros, o que supón un 6% máis (preto de 7.300 euros) que o ano pasado.
Este reforzo orzamentario, segundo destaca o executivo local, permitirá ampliar a iluminación do Nadal, incrementando o número de motivos en diversas zonas do rural e mellorando a decoración nas vilas con respecto a 2023.
Así, entre outras medidas, vaise a reforzar a iluminación dalgunhas rúas de Portonovo e no centro de Vilalonga, mentres que en Sanxenxo se vai a poder iluminar a rampla axardinada do porto deportivo que o ano pasado estaba sen terminar.
A empresa encargada vai colocar 694 elementos de iluminación entre arcos, farois e distintas figuras decorativas, que suman un total de 586.000 lámpadas de LED.
Outra novidade é a colocación de árbores de Nadal no centro das parroquias que van ser decorados polas asociacións do lugar. As árbores, que serán adquiridas polo Concello ao finalizar as festas, serán plantadas na parroquia onde estean instaladas.
Entre as propostas do Nadal destaca ademais a celebración da segunda edición do certame "Deslumbra co teu Nadal", destinado a estimular a participación de particulares e negocios na decoración do Nadal.
Este ano, ademais dos premios á mellor vivenda e ao establecemento decorado, inclúese unha terceira categoría para premiar as rúas ou zonas que destaquen pola súa decoración.