O atraso da instalación e o acendido da iluminación do Nadal nas prazas e rúas de Pontevedra segue xerando polémica e evidenciou as diferenzas de criterio no seo do goberno municipal formado pola coalición BNG e Partido Socialista.
Na habitual comparecencia dos luns da portavoz do goberno local, Anabel Gulías pedíuselle unha valoración do acto de acendido da iluminación no Mercado, área que xestiona a concelleira socialista Yoya Blanco.
En primeiro lugar, Anabel Gulías tratou de "aclarar" que o atraso na iluminación dos espazos públicos da cidade é "algo simbólico" e precisou que "non se trata dunha cuestión de aforro económico nin de aforro enerxético" senón "simplemente para poñer un pouquiño de racionalidade na iluminación de Nadal" e tamén "por unha cuestión de coherencia co noso propio discurso" de "loita activa" contra o cambio climático.
Para Anabel Gulías co atraso no aceso das luces o Goberno local é unha "decisión política" coa que se está mandando unha "mensaxe clara" de que o cambio climático "non é unha entelequia como outros queren vender senón é unha realidade que está aquí" aínda que con iso "non pedimos que esta medida teña seguidismo" e entenden que "cada quen pode facer o que considere e o que coide".
"Nós desde sempre estamos afeitas tomar decisións a contra pié ou decisións que non foron populares no seu momento pero que a día de hoxe revelan que estabamos no camiño acertado", dixo a edil nacionalista convencida de que "se Pontevedra é vangarda en moitas das cuestións que hoxe son debate foi precisamente por non seguir a corrente".
Centrándose na alternativa ao acendido tradicional na que a concelleira socialista Yoya Blanco converteu o acto deste luns no Mercado, Anabel Gulías manifestou que "outras decisións que non están nesta liña teñen que ver coa organización de actividades que nós entendemos que están no seu dereito de facelo".
"Gobernamos conxuntamente pero nas áreas temos certa liberdade de escoller e de movernos", engadiu a portavoz.
Tamén explicou que esta medida "non é que non estea consensuada" senón que "nós somos un goberno que funcionamos con diferentes criterios e creo que unha coalición funciona deste xeito" e reiterou que o atraso na decoración da iluminación pública "fixémolo por coherencia e por racionalidade" noutras palabras "por poñerlle un pouco de cabeza ao que está acontecendo".