Desde onte á noite, as cores azul e amarelo da bandeira de Ucraína iluminan o Pazo Provincial, a sede institucional da Deputación de Pontevedra. Fano como "símbolo de repulsa" ao ataque ruso e en solidariedade con todo o pobo ucraíno.
Carmela Silva entende que se debe adoptar unha "posición clara" contra a invasión de Rusia a Ucraína e apoiar a postura da Unión Europea contra a violencia armada.
"É o momento de facelo", sinalou a presidenta provincial, que asegurou que "temos que ter unha posición firme e sen fisuras" que traslade ao presidente ruso Vladimir Putin "que estamos unidos ante a súa intolerable decisión de atacar a Ucraína".
Silva trasladou ademais a solidariedade en nome de toda a corporación provincial aos homes e mulleres de Ucraína "que está a vivir de novo o terror da guerra".
Ante iso, reiterou Carmela Silva, "hai que tomar partido de forma clara" e traballar para que as hostilidades en chan ucraíno "cesen de inmediato" para que toda a súa poboación poida retomar as súas vidas "con paz, seguridade, liberdade e democracia".