Despois das palabras do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, tras a vitoria obtida nestas eleccións ao Parlamento de Galicia, o presidente provincial, Rafael Louzán, comparecía na sede da rúa Raíña Vitoria acompañado por Pilar Rojo, Agustín Hernández e Begoña Estévez. Louzán comezou agradecendo o apoio aos militantes e a todos os cidadáns que depositaron a confianza no Partido Popular e afirmou que "é a primeira vez que nunha situación de grave crise, o partido do goberno non só revalida a maioría, senón que a incrementa."
E asegurou que "só hai un gañador absoluto e ese gañador chámase Partido Popular e Alberto Núñez Feijóo". Unha vitoria que o líder popular enmarcou na aposta maioritaria de Galicia e Pontevedra "por un goberno sólido, responsable e que é garantía de futuro".
O presidente provincial do PP apuntou que "os galegos deixaron ben claro que non queren aventuras nin máis experimentos nestes tempo, que o que buscan é cordura, seguridade e un proxecto de futuro para o país que só pode ofrecer o Partido Popular" para indicar que esta vitoria confirma "o liderado sólido, contrastado e fiable de Núñez Feijoo e o proxecto político reformista, moderado e realista de Mariano Rajoy e do Partido Popular".
Tivo palabras de agradecemento e felicitacións para o traballo desenvolvido por Begoña Estévez na sede provincial durante toda a campaña e amosou a súa felicidade polos resultados obtidos xa que o PP foi a forza máis votada en 60 dos 62 concellos da provincia, quedándose a só 7 votos de alcanzala en Fornelos de Montes "polo que se pode dicir que a maioría absoluta é aplastante". O outro Concello onde os populares perderon foi na Illa de Arousa. Alí a forza máis votada foi o Partido Socialista.
Louzán rematou dicindo "Moitas grazas e ata sempre! Grazas."
A continuación brindou co resto de compañeiros de partido. Arredor dun cento de persoas déronse cita na sede provincial do PP en Pontevedra onde toda a xornada foi seguida con moita tranquilidade e só houbo reaccións cando Francisco Jorquera, o candidato do BNG, compareceu para explicar os resultados. Algúns militantes populares asubiaron e mesmo chamaron "jabalí" ao líder nacionalista.
O discurso de Alberto Núñez Feijóo non puido ser seguido na súa totalidade por fallos na retransmisión pero cando se recuperou o sinal e xa na parte final da intervención escoitáronse cánticos de "presidente, presidente..."
A festa continuou na sede popular con pinchos e viño da D.O. Rías Baixas.